Escoitar

Igualdade organiza o curso para mulleres "Ser home por un día" sobre a construción do xénero

A Concellería de Igualdade organiza o curso "Ser home por un día", dirixido a mulleres co obxectivo de abordar a construción da identidade do xénero como práctica para-teatral. Para participar no obradoiro, de carácter gratuíto, é preciso realizar a inscrición na Concellería de Igualdade (primeiro andar da Casa do Concello) ou no teléfono 986 810 284 en horario de 8 a 15 horas ata completar o número de prazas.

xoves, 23 abr 2009
O curso ten 6 horas de duración e as interesadas poderán elixir entre facelo o martes, 5 de maio de 16 a 22 horas ou dividido en dous días, o mércores 13 e xoves 14 de maio de 18,30 a 21,30 horas. O desenvolvemento do obradoiro parte da idea de que tanto a masculinidade como a feminidade son o resultado dunha construción socio-cultural, polo que dúas actrices (Patricia de Lorenzo e Natalia Outeiro) e unha maquilladora traballarán con cada unha das participantes para transformalas totalmente.

As participantes aprenderán a ocupar o espazo, camiñar, comer e falar como homes e as relacións levaranse a cabo como personaxes e desenvolvendo estas novas identidades. O obradoiro, que remata cunha visita a un lugar público onde se porán a proba a construción das identidades, propón é un cambio de papeis e asumir alomenos por un día o personaxe do outro. O seu obxectivo é tomar conciencia de que o xénero é algo construído e, polo tanto, modificable.