Escoitar

Eudosio Álvarez substituirá a Elena Maure como concelleiro de Patrimonio Histórico

Eudosio Álvarez será o novo concelleiro de Patrimonio Histórico en substitución de Elena Maure, segundo anunciou este mércores o tenente de alcalde, Santi Domínguez. Nunha comparecencia conxunta, o tenente de alcalde indicou que esta decisión do grupo municipal do BNG, foi ratificada onte polo Consello Local e comunicada a primeira hora de hoxe ao alcalde da cidade.

mércores, 22 abr 2009
1240406791dosio.jpg
Eudosio Álvarez, que agota os seus días como delegado da Consellería de Vvienda, expresou o seu "enorme agradecemento aos compañeiros que pensaron en min para desempeñar esta tarefa" así como a agrupación local nacionalista e o seu Consello Nacional. "Aínda que pensaba ter uns días para reflexionar e de vacacións, decidín aceptar esta nova tarefa", sinalou. O novo integrante do grupo municipal do BNG explicou que será a vindeira semana cando falará das súas responsabilidades na Concellería de Patrimonio Histórico, posto que "neste momento aínda desempeño as funcións de delegado provincial da Consellería de Vivenda e o cese se está dilatando un pouco".

"Cando nos plantexamos a necesidade de substituir a Elena Maure pensamos na necesidade de buscar o perfil dunha persoa con experiencia no eido urbanístico, na aposta polo Casco Vello, con experiencia política e con experiencia neste Concello e nas distintas administracións", indicou Santi Domínguez. Neste sentido, asegurou que no BNG hai moitas persoas que cumpren este perfil, pero que "analizando todos os nomes decidimos que a persoa idónea é Eudosio Álvarez".

Santi Domínguez desgranou a experiencia profesional e política do novo integrante do grupo municipal nacionalista, de quen salientou que ten unha ampla experiencia en materia urbanística, "xa que traballou moito no PXOM hoxe en vigor dende o equipo de Alcaldía de Lois Pérez Castrillo". Sinalou que coñece profundamente o Casco Vello, "porque como delegado de Vivenda pertence ao Consello de Administración do Consorcio do Casco Vello", e destacou que "coñece esta casa porque foi durante catro anos xefe de gabinete da Alcaldía e conta cunha dilatada experiencia no BNG, na política e na administración pública".

"O grupo municipal do BNG está moi contento de que o Consello Local ratificara esta decisión, porque Eudosio Álvarez vai aportar traballo, adicación e compañeirismo", explicou o tenente de alcalde. Neste sentido apuntou a preocupación por que a persoa que substitúa a Elena Maure cumprira estas características "pero a nosa experiencia fainos estar tranquilos neste sentido", indicou. Asemade, asegurou que no momento no que sexa cesado como delegado provincial da Consellería de Vivenda, "non terá vacacións porque temos moitas obras en marcha". Ao respecto, sinalou que neste momento se está levando a cabo a reforma do eixo Elduayen-Paseo de Alfonso e a revitalización do Castro, así como diferentes asuntos relacionados co urbanismo.

Santi Domínguez manifestou que Eudosio Álvarez ocupará as mesmas competencias que Elena Maure, porque "no BNG non necesitamos facer remodelacións de goberno, xa que estou totalmente satisfeito co funcionamento do grupo". Deste xeito, segundo apuntou o tenente de alcalde, Eudosio Álvarez, como concelleiro de Patrimonio Histórico "vaise encargar de temas urbanísticos e será o brazo executor das políticas no Casco Vello".


Currículum de Eudosio Álvarez:
Naceu en Ourense en 1961.
É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.
Desenvolveu a súa traxectoria profesional en despachos privados e en materias vinculadas ao Dereito Público, tanto en Galicia como en Luxemburgo.
Participou no asesoramento ao Parlamento galego na elaboración de leis como a Lei de Montes en Man Común e outras vinculadas ao dereito territorial.
Ten participado en varios congresos nacionais e internacionais e redactado relatorios e artigos referidos ás especifidades do Dereito de Propiedade en Galicia.
De 1999 a 2003 foi xefe do gabinete de Alcaldía no Concello de Vigo sendo alcalde Lois Pérez Castrillo.
Dende 2005 é delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo.
Descargar todas as imaxes