Escoitar

O alcalde garante a colaboración municipal coa Axencia de Pesca para a celebración do Día de Europa en Vigo

O rexedor, Abel Caballero, e o director da Axencia Europea de Control da Pesca, Harm Koster, acordaron este mércores colaborar para a celebración institucional en Vigo do Día de Europa, o vindeiro 8 de maio. No evento participarán, xunto co alcalde, responsables da Comisión Europea, do Ministerio de Medioambiente, Rural e Marino e dirixentes da Xunta de Galicia. <br />

mércores, 22 abr 2009
1240407553agenciadepesca.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director executivo da Axencia Europea de Control da Pesca -con sede na cidade-, Harm Koster, mantiveron este mércores unha reunión na que acordaron cooperar na celebración dun acto institucional na cidade por mor do Día de Europa, o vindeiro 8 de maio.

Segundo explicou o rexedor vigués, Koster plantexou esta iniciativa que tivo unha "boa acollida" por parte do goberno local, un "plantexamento moi convinte" para o que a Axencia Europea de Pesca contará coa cooperación do Concello de Vigo.

Abel Caballero afirmou que a entidade europea encargarase da organización do acto de carácter institucional, no que participarán responsables da Comisión Europea, do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino do Goberno de España, da Xunta de Galicia e o propio alcalde vigués.

Subvención
O alcalde de Vigo deu conta asemade na rolda de prensa da concesión por parte da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia dunha subvención para o programa municipal "Vigo Ornamental".

A Consellería, indicou Abel Caballero, comunicou onte martes a concesión da subvención para o obradoiro de emprego municipal: en total 636.000 euros que servirán para empregar durante 12 meses a 30 alumnos-traballadores.
Descargar todas as imaxes