Escoitar

Tenencia de Alcaldía e Provigo agardan contar co apoio da nova Xunta para abrir novas liñas en Peinador

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou este martes que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo retomarán o traballo que viñan desempeñando coa Fundación Provigo para establecer novas liñas aéreas en Peinador. Así o explicou o concelleiro tras a xuntanza que mantivo co novo xerente da Fundación, José Francisco Armesto, aínda que ambos puntualizaron que este obxectivo depende do respaldo da Xunta, polo que sinalaron que cando o novo goberno autonómico "estea asentado" é preciso reiniciar as conversas.

martes, 21 abr 2009
1240319871xerenteprovigo.jpg
Santi Domínguez salientou que a reunión foi un "encontro de presentación" no que foron repasando os temas que teñen que ver coas súas competencias como tenente de alcalde e concelleiro de Turismo. Neste sentido explicou que abordaron a promoción turística de Vigo, en especial os grandes eventos internacionais nos que están involucrados as Concellerías de Turismo e Cultura e nos que a Fundación Provigo "é unha ferramenta estratéxica".

O tenente de alcalde indicou que tamén trataron o traballo xa empezado entre a Tenencia de Alcadía e a Concellería de Turismo coa Fundación Provigo para establecer novas liñas aéreas no aeroporto vigués. Neste sentido precisou que co anterior xerente "había negociacións que practicamente estaban pechadas", por exemplo con Brussels Airlains. Ao seu xuízo, co cambio de xerencia na fundación e co cambio de resposables de Turismo na Xunta, "este é o momento de retomar as conversas".

Santi Domínguez expresou a súa confianza en que a nova Xunta, e en particular a Consellería de Cultura e Turismo, manteña os compromisos con Vigo adquiridos polo goberno autonómico anterior. "Dependemos de que os responsables de Turismo sigan apoiando o desenvolvemento dos tres aeroportos galegos e a liña de Vigo- Bruselas", afirmou.

Neste mesmo sentido se expresou o xerente de Provigo, José Francisco Arnesto. "Hai que falar coa nova Xunta para potenciar Peinador e retomar as negociacións que había", dixo. Armesto sinalou que a xuntanza tivo o obxectivo de presentarse ao tenente de alcalde e saber en que punto están as liñas de colaboración coa Tenencia de Alcaldía e as concellerías nacionalistas, sobre todo a de Turismo "para traballar conxuntamente". Neste sentido amosou o seu obxectivo de manter a continuidade "co que se facía anteriormente e na medida do posible continuar co traballo que se viña facendo".
Descargar todas as imaxes