Escoitar

O alcalde propón un convenio marco para que a Deputación destine a Vigo o 25% dos seus investimentos

O alcalde, Abel Caballero, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, acordaron impulsar o proxecto social para o Colexio Alemán en Coia, que está a elaborar o Concello e será asumido pola entidade provincial. O rexedor solicitou da Deputación a humanización do entorno de Casablanca, Aragón, tramos de Tomás Alonso e da Travesía de Vigo; ademais da Estrada Provincial.

xoves, 23 abr 2009
1240492124caballerolouzan.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, solicitou ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, que destine a Vigo o 25% das inversións do ente provincial mediante un convenio marco, o que suporía uns 17 millóns de euros anuais, segundo o orzamento provincial de 2008.

Vigo suma o 33% da poboación da provincia, polo que o alcalde propón "regular e racionalizar" as inversións para que "atendan á cidade". Por outra banda, Abel Caballero pediu na entrevista con Rafael Louzán un informe do interventor provincial que defina os investimentos da Deputación en Vigo no 2008 coa finalidade de "mirar adiante" nas relacións e nas inversións cara ao futuro.

O rexedor local quixo "tender á man" a Deputación de Pontevedra, e singularizou as peticións plantexadas no convenio na humanización do entorno de Casablanca, Aragón, tramos de Tomás Alonso e Travesía de Vigo, ademais da estrada provincial, "en situación lamentable", indicou o alcalde.

Abel Caballero solicitou tamén da entidade provincial investimentos en infraestructuras deportivas, actividades culturais, programas de formación, a limpeza dos seus ámbitos de competencia, a actuacións en atención social e á xuventude.

Segundo afirmou o alcalde, todas as propostas plantexadas polo Concello de Vigo quedan pendentes de contestación por parte do presidente da Deputación de Pontevedra.

Colexio Alemán
Alcalde e presidente si acordaron impulsar o proxecto social do Colexio Alemán, en Coia. Abel Caballero explicou que o Concello está a redactar o novo proxecto, adecuado á parcela de uso dotacional e por tanto á "legalidade urbanística"; unha iniciativa que está a ser pactada tamén cos veciños de Coia.

Unha vez o proxecto técnico do Colexio Alemán estea rematado, indicou o rexedor vigués, será remitido á Deputación de Pontevedra para que asuma o seu coste e xestión directamente ou transfira os recursos ao Concello de Vigo.
Descargar todas as imaxes