Escoitar

Santi Domínguez asegura que a planta foltovoltaica de Navia será o emblema da cidade do respecto ambiental

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou este xoves que a planta foltovoltaica que a Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo está construíndo en Navia coa colaboración da Consellería de Vivenda será o "emblema da cidade do respecto polo medio ambiente", unha vez que se poña en marcha ao longo deste ano.

xoves, 23 abr 2009
1240492986axenciaenerxia.jpg
Tras a xuntanza do patronato desta entidade, nunha rolda conxunta co director da Axencia Bernardo Parajó, o nacionalista explicou esta planta "servirá de visualización directa polo público da utilización da enerxía limpa".

Segundo o tenente de alcalde, a planta foltovoltaica de Navia, que cumprirá o obxectivo de reducir a produción e o consumo de enerxía contaminante, "daranos a medida de que mediante a ocupación de espazos públicos podemos xerar enerxía non contaminante para ampliar as instalacións a outras zonas da cidade". Esta instalación foi unha das actuacións presentadas hoxe por Santi Domínguez na memoria da Axencia da Enerxía correspondente ao 2008, á que se sumaron as tarefas de asesoramento en materia de aforro enerxético a outras entidades, como os concellos de Tomiño, Mos, Melón e Cercedo. "Trasmitín ao patronato a miña satisfacción polo ben que se está a traballar dende a Axencia da Enerxía", salientou.

Santi Domínguez incidíu tamén na potenciación do aforro enerxético de diferentes instalacións municipais a través de auditorías, como na propia Casa do Concello ou a reducción da contaminación lumínica do alumeado público. Asemade fixo referenza aos estudos de simulación do comportamento enerxético en diferentes edificios para poder predecir a demanda de enerxía á hora de proporcionar sensación de confort. "Trasmitín tamén a miña satisfacción por ter desenvolvido estas actuacións porque é un compromiso deste goberno, da Tenencia de Alcaldía e da Concellería de Turismo apostar pola sostenibilidade e o medio ambiente", garantiu.

O tenente de alcalde explicou que dende esta entidade se está a traballar "para abrir máis campos de actuación que leven a que esta Axencia sexa unha ferramenta clave na área de Vigo na aposta pola sostenibilidade". Entre estas novas liñas de actuación citou o afondamento no aforro enerxético nas instalacións e o alumeado público, "coa incorporación paulatina de melloras", a concienciación sobre a importancia do reciclado, a calidade das praias e a preservación dos manantiais de barrio.

No eido económico, Santi Domínguez explicou que a Axencia pechou o ano 2008 cun superávit de 60.249 euros, o cal ao seu xuízo "nestes momentos de crise que a Axencia teña resultado positivos sen deixar de facer cousas é moi importante". Engadíu que os ingresos recibidos polos traballos realizados superan as aportacións do patronato, "o cal quere dicir que a saúde da Axencia é incomiable e permite seguir afondando no aforro enerxético".
Descargar todas as imaxes