Escoitar

O alcalde presentou hoxe as seis novas motocicletas da Policía Local

O rexedor, Abel Caballero, e o edil de Seguridade, Xulio Calviño, coñeceron hoxe mércores as seis novas motos coas que conta a sección de Proximidade da Policía Local. Ademais, e na procura da "renovación total e ampliación" dos seus medios, o alcalde avanzou que "nun ou en dous meses estarán operativos" tres novos vehículos e neste 2009 se renovarán outros 22 polo sistema Renting; un investimento total de 360.000 euros. <br />

mércores, 4 mar 2009
1236175424motos1.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Seguridade, Xulio Calviño, presentaron hoxe mércores seis novas motocicletas que empregará a sección de Proximidade para a Policía Local de Vigo, cun investimento de 34.000 euros.

A Policía Local conta na actualidade cun total de 33 motocicletas: 21 destinadas á sección Lince, 5 para a patrulla rural e 8 máis para os corpos de Proximidade, contando xa coas seis novas unidades presentadas este mércores.

Por outra banda, e co obxectivo da "renovación total e ampliación dos medios da Policía Local", Abel Caballero adiantou que "nun ou en dous meses estarán operativos" un furgón adaptado para o servizo de atestados, un coche patrulla rotulado e outro sen rotular para o Servizo de Información. Estes tres novos vehículos foron adquiridos con cargo aos orzamentos de 2008 e supón un investimento de 84.000 euros.

Asemade, segundo explicou o alcalde, os orzamentos municipais de 2009 reservan unha partida de 241.800 euros para a renovación da frota polo sistema Renting, cos que se sumarán 17 novos vehículos patrulla, 3 todo-terreo e 2 furgóns máis para controis de alcoholemia e seguridade cidadá.

Sumando as seis novas motos presentadas aos vehículos que se incorporarán á frota da Policía Local con cargo aos orzamentos municipais de 2008 e 2009, o investimento na "renovación e ampliación" das dotacións policias ascende a 359.800 euros, un "esforzo orzamentario considerable", salientou Abel Caballero.

O alcalde afirmou que o incremento dos medios e dos materiales para a Policía Local é unha das tres dimensións que abrangue a actuación municipal. Ademais, o rexedor citou a reestructuración operativa da Policía e a mellora dos sistemas profesionais da mesma.
Descargar todas as imaxes