Escoitar

Santi Domínguez asegura que a mostra da Reconquista é a máis importante que ten pasado por Castrelos

No Museo Municipal "Quiñoñes de León" trabállase estes días intensamente nos preparativos da exposición "Reconquista de Vigo: 1809-2009", que se inaugurará o vindeiro venres. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, quixo supervisar hoxe os traballos dunha montaxe que calificou como "a máis importante que se ten realizado nunca neste museo".

mércores, 4 mar 2009
1236173134visitamonexpo.jpg
Os traballos avanzan cunha complexa organización que inclúe a descarga de catro camións de transporte especial coas 200 pezas cedidas por tres museos, diversas institucións e varias coleccións particulares, segundo explicou o nacionalista. O pasado xoves, 26 de febreiro, chegaron os dous primeiros camións, correspondentes as pezas cedidas polo Ministerio de Defensa, as de diversas coleccións e as da Asociación Histórica "The Royal Green Jackets".

O luns, a empresa Manterola, a de máis prestixio en España en transporte de obras de arte, descargou un terceiro camión, correspondente ás pezas do Museo Naval de Madrid. E onte, martes, chegou a Castrelos o último transporte, correspondente ao Museo Militar Rexional e ao Museo Diocesano de Tui. En todos os casos, se teñen empregado camións de transporte especial, acondicionados para que manteñan as condicións de humidade e temperatura para a conservación das pezas, baixo regulación por termohigrómetros.

Ao longo da semana, diversos equipos están a traballar no Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" na montaxe da exposición, que inclúe pezas audiovisuais, equipamentos de son e imaxe, carpintería, electricidade, deseño e cartelería diversa. Santi Domínguez explicou que dous conservadores-correo, chegados do Museo Naval de Madrid e do Museo Militar Rexional de A Coruña, están presentes na montaxe das pezas, para supervisar a súa exhibición e garantir que se expoñen "no seu perfecto estado" dacordo coas súas características.

Ademais, a tenente de alcalde indicou que nesta exposición se vai ver por primeira vez o sabre restaurado do Mariscal Soult, unha peza de alto valor histórico que foi abandonada en Vigo polo mando francés e recollida polos veciños tras a Reconquista. O sabre será exposto nunha nova peana, que se conservará logo na exposición permanente do museo de Castrelos.

Santi Domínguez salientou tamén que os actos organizados para conmemorar o Bicentenario da Reconquista está xerando un grande interese en todo o mundo. Segundo indicou, a través da páxina web están chegando solicitudes de información de varios países europeos e americanos, e ademais lembrou que haberá en Vigo presenza de xornalistas británicos e franceses durante este mes. "Estamos ante unha das exposición máis importantes que se ten organizado sobre a invasión francesa e iso como vigueses e viguesas ten que satisfacernos", dixo.

O nacionalista asegurou que o interese amosado ata o momento é un elemento que permite confirmar que "se están a cumprir os obxectivos que nos marcamos cando asumimos a organización do Bicentenario, que eran utilizar esta conmemoración para promocionar a cidade no exterior e tamén que a cidadanía recuperara unha parte moi importante da súa historia e nos servira para aumentar a nosa autoestima como cidade".

Unha das características importantes de "Reconquista: 1809-2009" será que a exposición convivirá con boa parte da mostra permanente do pazo. Dunha banda o visitante atopará obra que se expón habitualmente, pero tamén verá mobiliario e decoración propios do século XIX, o que aporta unha mellor perspectiva da época da Reconquista. As pezas da exposición serán claramente identificables polas súas cores branca e vermella –as cores da bandeira de Vigo- e tamén a través do díptico que se entregará ao visitante á súa chegada ao pazo.

Tras o complexo traballo de montaxe que se está a desenvolver en Castrelos, a mostra será inaugurada o próximo venres, 6 de marzo, e poderá ser visitada a partires do sábado 7 de marzo, para o público en xeral de xeito gratuito.
Descargar todas as imaxes