Escoitar

O luns iníciase o prazo de inscrición na galescola da rúa Palencia para o curso 2008/2009, que disporá de 40 prazas

O vindeiro luns, 14 de xullo, abrirase o prazo de inscrición na galescola da rúa Palencia, a primeira das que se abrirán en Vigo, froito do traballo conxunto entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Vigo. Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, o centro, que comezará a súa andaina co curso escolar 2008/2009, disporá de 40 prazas distribuídas en tres unidades, e terá quendas de mañá, tarde e xornada completa.

venres, 11 xul 2008
O prazo de inscrición para os usuarios e usuarias da nova galescola é do 14 ao 28 de xullo e as instancias poderán recollerse no propio centro en horario de 9 a 14 horas e de 15.30 a 18.30 horas. A lista provisional de admitidos e admitidas, así como dos excluídos e excluídas, publicarase o 30 de xullo e o prazo de reclamacións é de dez días hábiles a partir do día seguinte da súa publicación. A lista definitiva será publicada o 18 de agosto e o prazo de matrícula será do 19 ao 27 de agosto na oficina que se habilitará no Concello.

A nova galescola da rúa Palencia contará cun equipo de profesionais, xa en proceso de selección, integrado por oito persoas, dous mestres ou mestras, cinco educadores ou educadoras, e unha persoa de persoal de servizos xerais. Disporá de 40 prazas para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos distribuídas en tres unidades, de 0 a 1 ano, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos.

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou a importancia da apertura desta galescola na cidade, que amosa a "aposta pola conciliación da vida laboral e familiar", ao poñer ao dispor dos usuarios e usuarias quendas de mañá e tarde e xornada completa. Ademais, a edil do BNG subliñou que se trata da primeira galescola das que se abrirán en Vigo. Así a segunda galescola prevista será a que se ubicará no Parque Tecnolóxico, e para a que xa se cederon os terreos ao Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar. "Traballamos para poñer en marcha un servizo moi necesario para acadar a igualdade real entre homes e mulleres", subliñou a concelleira.

María Méndez fixo fincapé na aposta firme do seu departamento por mellorar e completar a oferta de servizos que precisa a cidadanía, na que se inxire a apertura de novas galescolas.