Escoitar

Samil recibirá ata agosto cinco torneos de praia baixo o nome de "Verán deportivo" <br />

A praia de Samil recibe este verán unha batería de modalidades deportivas englobadas no "Verán deportivo" que permitirán o goce de participantes e veraneantes. Entre o próximo día 18 e o 7 de agosto, disputaranse cinco disciplinas de competición (fútbol praia, balonmán praia, voley praia, foot voley e tenis praia) e outra de exhibición (cachibol), baixo o patrocinio de Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes, e a organización de Evento Global.

xoves, 10 xul 2008
1215695307verandeportivo.jpg
Segundo declarou na presentación o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, "esta é unha iniciativa de deporte de verán cunha oferta moi variada cando as competicións federadas collen vacacións". Para Xabier Alonso, outro valor engadido é non só o "lugar ideal" (Samil) das probas, senón tamén que "as instalacións deportivas vanse a poder utilizar por calquera persoa cando non haxa competición".

Juan Carlos Andrés, en representación de Evento Global, marcou o fútbol praia como "deporte estrela" do "Verán deportivo" (o campión xogará a fase final nacional en Córdoba), e tamén apuntou que o balonmán praia ten "moito arraigamento". A organización estima que uns 220 equipos inscribiranse nas competicións. "É unha cifra real tras estudar o histórico de cada evento", citou Andrés.

A proba mixta do VI Circuíto Nacional de Fútbol Praia abre a serie de torneos do 18 ao 20 deste mes. Despois sucederanlle o XI Cidade de Vigo de balonmán praia (25-27 xullo, masculino e feminino), o VI Cidade de Vigo de voley praia (1-2 de agosto, masculino e feminino), o VI Trofeo de fut voley (3 de agosto, mixto), o V Cidade de Vigo de tenis praia (9-10 agosto, masculino, feminino e mixto) e os encontros de cachibol (31 de xullo e 7 de agosto), unha modalidade que causa furor entre os maiores. As bases de competición e inscrición figuran na web www.verandeportivo.com ou no portal www.vigoarena.com.
Descargar todas as imaxes