Escoitar

O novo equipo do segundo Plan de Inclusión Social apostará por integrar no mundo laboral ás persoas en risco de exclusión <br />

Apostar polas persoas en risco de exclusión social, integrándoas no mundo laboral, para evitar que caian na pobreza e o obxectivo co que traballará o novo equipo do segundo Plan de Inclusión Social, que hoxe foi presentado polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez. Segundo explicou a edil do BNG, durante este ano 2008 este departamento xa realizou 317 intervencións, maioritariamente correspondentes a mulleres.

xoves, 10 xul 2008
1215693664servizoinclusion.jpg
"O novo equipo, que iniciou a súa andaina hai un mes, encargarase de integrar as persoas que xa esgotaron as prestacións por desemprego", explicou María Méndez, durante a presentación do servizo. Por iso, segundo a concelleira nacionalista, as persoas que integran o equipo coñecerán de primeira man as necesidades laborais de Vigo e a súa área, e así poder formar ás usuarias e usuarios do servizo neses sectores. Ademais, o novo equipo, desenvolverá o seu traballo de xeito coordinado cos servizos de atención primaria e inmigración. Precisamente por este motivo, o número de persoas atendidas no que vai de ano aumentou considerablemente. Se no 2007 foron 177 as usuarias e usuarios atendidos e 187 os contratos asinados, no transcurso do 2008 xa son 317 as intervencións realizadas e 414 as persoas derivadas de atención primaria.

María Méndez alertou sobre a feminización da pobreza, posto que das 414 persoas derivadas de atención primaria, 248 corresponderon a mulleres, mentres que a media de idade se sitúa nos 43,4 anos. "Dende Benestar Social queremos apostar por estas persoas para que non caian na pobreza nen na exclusión social", subliñou a concelleira nacionalista.

O tenente de alcalde Santi Domínguez, pola súa banda, salientou que coas actuacións que desenvolve Benestar Social "queda sobradamente demostrado" que o BNG cumpre o dito ao entrar no goberno municipal, que o seu obxectivo é o "traballo por e para a xente". Neste sentido, indicou que o esforzo para acadar a inclusión social das cidadás e os cidadáns é unha "área fundamental na política municipal". Santi Domínguez recoñeceu que a crise económica está afectando ao pequeno e mediano comercio e aos seus traballadores e traballadoras, polo que subliñou que as administracións "non poden esperar a que as persoas cheguen aos umbrais da pobreza para desenvolver políticas de beneficiencia como fan os gobernos da dereita". Pola contra, segundo o tenente de alcalde, o goberno ten que desenvolver "políticas de prevención" e ao seu xuízo, a Concellería de Benestar Social "é un claro exemplo disto".

Santi Domínguez felicitou á Concellería de Benestar Social pola súa aposta polas políticas de prevención e polo seu esforzo no traballo para que a calidade de vida "chegue a todos os rincóns". Anunciou que avaliaranse "sempre" os datos da oficina, precisamente para previr a exclusión. "Non permaneceremos nunca impasibles ante as persoas que sufran dificultades económicas", subliñou o tenente de alcalde.


Descargar todas as imaxes