Escoitar

Turismo de Vigo terá na Festa Marítima de Brest un barco para promocionar a cidade

Nas vindeiras horas e "en función das condicións do mar", sairá do Porto de Vigo a embarcación que representará de Turismo de Vigo e promocionará á cidade na Festa Marítima que terá lugar na localidade francesa de Brest, segundo anunciou este mércores o tenente de alcalde Santi Domínguez. "Posto que Galiza será o país invitado na festa que do 11 ao 17 de xullo se celebrará en Brest, Vigo tiña que estar presente sen ningunha dúbida", salientou o tenente de alcalde.

mércores, 9 xul 2008
1215608812barcobrest.jpg
Santi Domínguez explicou que no transcurso deste acontecemento, Turismo de Vigo volcarase na "promoción turística da cidade" e se aproveitará a promoción para recoller información que permita estreitar lazos con Brest, unha localidade da costra bretona francesa. Segundo o tenente de alcalde, trátase dun "importante evento" para por en valor a cultura tradicional, xa que esta festa do mar ten por obxecto amosar a riqueza e a diversidade das distintas tradicións e culturas dos países e rexións marítimas de Europa.

"Ofrecéusenos este barco, e pensamos que reúne as condicións axeitadas para participar neste evento", salientou Santi Domínguez, quen explicou que a tripulación está formada por doce persoas, que se turnarán para cubrir todas as necesidades do barco durante a travesía.

A xornada oficial de Galiza en Brest 2008 será o martes 16 de xullo, e os principais aspectos da cultura marítima galega serán recollidas nunha serie de carpas e expositores ao carón do peirao da localidade no que se amarrarán máis de vinte embarcacións tradicionais galegas, que estarán abertas ao público e participarán nos desfiles diarios programados."É unha oportunidade única para amosar internacionalmente toda a valía que ten Galiza en xeral e Vigo en particular".

A Festa do Mar e dos Mariñeiros de Brest celébrase cada catro anos dende 1992 e a cita do 2008 reunirá na cidade bretona aos amantes do mar durante sete xornadas, do 11 e o 17 de xullo. A organización da festa elixe cada ano a unha serie de países como convidados de honra en función da diversidade e riqueza do seu patrimonio marítimo como un xeito de significar e recoñecer o seu labor a favor da preservación e divulgación da cultura do mar e da ribeira.


Descargar todas as imaxes