Escoitar

O Festival Aéreo de Vigo 2008 será "superior en calidade e cantidade"

O alcalde e representantes da organización e de Caixanova presentaron este martes o Festival Aéreo de Vigo 2008, que conta "cun programa máis completo e máis potente" que en anos anteriores, segundo informou o organizador, Pablo González. O 20 de xullo terá lugar a celebración, que este ano se complementa con actividades culturais, como a entrada do buque Juan Sebastián Elcano o día 11 de xullo.

martes, 8 xul 2008
1215521728festivalaereo.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o organizador do Festival Aéreo de Vigo, Pablo González, presentaron este martes o programa "máis completo e máis potente" da celebración para 2008, que terá lugar en Samil o próximo 20 de xullo, de 09:30 a 15:30 horas.

González agradeceu á Alcaldía do Concello de Vigo e a Caixanova o seu apoio e participación para un festival ao que veñen novos participantes, como a Patrulla ASAS de Portugal, a Patrulla Aspa Española, así como unha participación especial da USAF, con tres avións. Un deles será o B-1 Lancer, de catro motores.

Portugal ocupa un espazo especial nesta edición debido ao interese suscitado no ano anterior, no que chegaron a Vigo 100 autobuses do país veciño. Así, o festival contará, ademais dos ASAS, con pilotos acrobáticos e os Rotores de Portugal.

Vigo acollerá asemade dous pilotos de elite acrobática, españois, que voarán tanto sós como en formación. Xunto a estes, os visitantes poderán apreciar a Patrulla Águila o F-18 e o Eurofighter, que xa estivo o pasado ano 2007.

Outra "gran novidade" salientada pola organización é a celebración en paralelo de actividades culturais, coa implicación da Armada. O buque Juan Sebastián Elcano entrará en Vigo o día 11 de xullo, coincidindo cos entrenamentos da Patrulla Águila. Haberá tamén unha exposición de maquetas do exército do aire, conferencias, sinaturas de pósters e un simulador de voo no centro comercial Gran Vía.

O Presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, mostrou a "satisfacción" da entidade por poder participar deste evento, e felicitou aos organizadores por un traballo "ben feito". Manifestou sentirse "honrado" de colaborar cun evento que reuniu na pasada edición a preto de 200.000 persoas.

O alcalde invitou a todos os vigueses e á poboación do norte de Galicia e de Portugal a presenciar o festival aéreo, e felicitou e agradeceu o "esforzo" de todos os "actores" que forman parte da "trama complexa" que é a organización do Festival que "está á cabeza dos festivais deste tipo que se celebran en Europa". Abel Caballero citou á organización, a Caixanova, ao exército do aire, á Armada e á Concellería de Transporte, Mobilidade e Seguridade.

De feito, o rexedor avanzou que o Concello está a preparar o Plan de Tráfico para facilitar o acceso dos visitantes e dos vigueses ás praias, para o que se convocou para as próximas datas á Xunta de Seguridade, que estudará as medidas a adoptar. O alcalde quixo recoñecer públicamente o traballo do concelleiro do ramo, Xulio Calviño.

Ademais, Abel Caballero adiantou que está en conversas para que Vigo reciba unha gran parada da Armada española, idea que tivo unha "gran acollida" pero que presenta a dificultade de necesitar "tres ou catro anos de preparación".
Descargar todas as imaxes