Escoitar

O Concello destina máis de 495.000 euros ao programa de apoio ás organizacións de iniciativa social

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este martes que o departamento que dirixe destina máis de 495.000 euros para a sinatura de convenios con distintas organizacións de iniciativa social. Así, María Méndez sinalou que a renovación dos acordos con entidades como CEDRO, Médicos do Mundo, Alborada, o Comedor da Esperanza, Afán, ou o Fondo Galego de Cooperación supón un incremento medio do 7 por cento da cuantía dos convenios, mentres que hai outros de nova creación, como o de Sereos do Casco Vello, Asvidal ou Afal.

martes, 8 xul 2008
1215521078DSC00375.JPG
"Dende Benestar Social traballamos na mellora da calidade de vida das persoas e unha das liñas de actuación consiste na axuda ás entidades de iniciativa social", explicou a edil do BNG. María Méndez subliñou que a concellería fixo un esforzo par "potenciar distintos ámbitos que precisaban un reforzo tras anos de que as administracións públicas pasaran de puntillas sobre os problemas da xente. A concelleira de Benestar Social sinalou que o vinte por cento da poboación atópase en risco de de pobreza ao percibir menos do cincuenta por cento do salario mínimo por cada membro da unidade familiar, polo que dende o seu departamento comprobouse a necesidade de facer un "forte esforzo" con entidades como CEDRO e as organizacións que traballan no ámbito da exclusión social e da prevención das drogodependencias. Ao respecto, precisou que o convenio con Médicos do Mundo, que nestes momentos centran os seus esforzos no contorno do centro de Pintor Colmeiro e desenvolven o programa café-calor e diversos obradoiros, ascende a 68.000 euros.

Co obxectivo de potenciar este traballo coas persoas en risco de exclusión social, María Méndez salientou tamén a importancia do convenio asinado cos Sereos do Casco Vello, inexistente ata o momento e que ven de ser aprobado na Xunta de Goberno Local. O acordo inclúe a contratación de catro traballadores para atender ás persoas do Casco Vello, para o que o Concello aporta 52.000 euros, mentres que o Comité Óscar Romero destina 28.000 euros. Ao respecto, sinalou que máis de duascentas persoas se benefician diariamente deste acordo, "aínda que a cifra é moi variable porque as persoas atendidas son transeúntes", explicou. "Médicos do Mundo e Sereos traballarán conxuntamente e complementarán os seus esforzos na mellora da calidade de vida das persoas en risco de exclusión social", subliñou. Outras dúas entidades que traballan neste ámbito son Alborada, coa que se asinou un convenio que ascende a 22.000 euros, e Asvidal, á que se lle aportarán 11.000 euros mediante un acordo de nova creación. Ademais, os convenios con entidades como o Comedor da Esperanza e Afán experimentan un considerable incremento, en tanto que o Comedor da Esperanza pasa de recibir 15.000 a 20.000 euros, mentres que anteriormente Afán recibía 14.000 euros e agora 18.000.

En canto ás minorías étnicas, a edil do BNG fixo referenza ao convenio asinado co Secretariado Xitano, que ascende a 105.000 euros e ten o obxectivo de "traballar pola integración" das familias xitanas. "Dende Benestar Social solicitamos a nosa inclusión no decreto do chabolismo para que ata 50 familias xitanas poidan deixar as chabolas e pasen a vivir en pisos", explicou María Méndez. Ademais, sinalou que ao Fondo Galego de Cooperación, o Concello de Vigo aportará 86.000 euros, dos que 22.000 se destinarán ao financiamento da estadía de 35 nenos e nenas saharauis durante este verán, "cinco máis que o ano pasado". Engadíu que o coa Asociación de Persoas Xordas ascenderá a 19.500 euros, mentres que con Afal asinarase un novo convenio, inexistente polo de agora, de xeito que o Concello aportará 20.000 euros.

"Por moito que a anterior concelleira de Benestar Social se lle encha a boca falando dos convenios, o certo é que hai moitas organizacións coas que non existía ningún tipo de acordo e coas que vemos nos de asinar os convenios correspondentes", salientou a concelleira nacionalista.
Descargar todas as imaxes