Escoitar

Abel Caballero asegura que a World Fishing Exhibition permitirá a Vigo "seguir liderando a pesca do mundo"

A próxima edición da Feira Mundial da Pesca se celebrará en Vigo o próximo ano 2009, e o alcalde avanzou que xa se está a preparar un evento que permitirá que "a atención mundial" da pesca se fixe na cidade. Abel Caballero mantivo este venres un encontro co director da Feira, Alfonso Paz Andrade, tras o cal adiantou que a sostenibilidade da pesca será un dos pilares da WFE viguesa do 2009.

venres, 6 xuñ 2008
1212757700pazandrade.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director da World Fishing Exhibition (a Feira Mundial da Pesca), Alfonso Paz Andrade, mantiveron este venres unha reunión de preparación da próxima edición deste evento, que terá lugar o vindeiro ano en Vigo, e que permitirá á cidade "seguir liderando a pesca do mundo", salientou o rexedor.

Ao remate do encontro, Abel Caballero manifestou que se está a traballar para que "a World Fishing Exhibition do 2009 sexa a mellor da historia de Vigo". A Feira permitirá á cidade o coñecemento e emprego das últimas tecnoloxías da pesca e xerar riqueza e emprego na cidade, subliñou o alcalde, quen fixo fincapé no desexo do seu goberno de que a próxima edición se caracterice pola preocupación medioambiental e a sostenibilidade.

A este respecto, Abel Caballero aseverou que na actualidade a preocupación dos organismos internacionais pasa pola escaseza de alimentos, polo que "a pesca ten que ser o máis eficiente posible". Ademais, Abel Caballero afirmou que a visión principal da Feira será que "Vigo estea a vangarda do respecto ao medioambiente" e avanzou que se van celebrar asemade unhas xornadas cos ministros de pesca, os técnicos, as industrias e os ecoloxistas, co obxectivo de acadar a sostenibilidade.
Descargar todas as imaxes