Escoitar

Os segredos mariños das Illas Ciés, ultima ruta do programa "Vigo, camiño a camiño"

O domingo, 8 de xuño, Día Mundial dos Océanos, terá lugar a derradeira ruta de sendeirismo do programa "Vigo camiño a camiño" que nesta ocasión discorrerá polas Illas Cíes. Trátase dunha iniciativa do Concello de Vigo impulsada pola Concellería de Medio Ambiente, de xeito conxunto coa dirección do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

venres, 6 xuñ 2008
1212745641rutaillascies.jpg
Máis de 500 sendeiristas percorrerán, acompañados por biólogos e membros da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, as Illas Cíes, un espazo natural de gran valor ecolóxico integrado no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e coñecerán a riqueza e a variedade das especies animais e vexetais que poboan o Océano Atlántico.

Ás 10:00 da mañá partirá un barco desde a Estación Marítima cara ás Illas Cíes con todos os participantes inscritos neste itinerario, o embarque realizarase ás 9:30 horas. O regreso está previsto sobre as 20:30 horas.

A Concellería de Medio Ambiente informa a todos os participantes que o bar do cámping estará aberto e dará servizo aos que desexen comer alí, aínda que tamén poderán dispor das instalacións os que leven a súa propia comida.

Entrega de agasallos

A Concellería de Medio Ambiente entregará o día 11 de xuño, ás 18.00 horas, no antigo edificio do Reitorado,os kits aos cidadáns que participaron en todas as rutas que compoñen o programa "Vigo camiño a camiño" e teñen os seus roteiros selados. Ademais, proxectaranse as fotografías dos participantes desta iniciativa medioambiental.