Escoitar

Máis de 1.600 persoas participarán o 14 de xuño no Día da Muiñeira que se celebrará na Praza de Compostela

O Día da Muiñeira, que este ano cumpre a súa 38 edición e se celebrará o 14 de xuño xunto ao Ensalzamento do Traxe Galego, contará coa participación de máis de 1.600 persoas, segundo anunciou este venres o concelleiro de Cultura, o Xesus López. A convocatoria deste ano presenta tamén como novidade o cambio de ubicación, xa que a concentración terá lugar ás 18 horas na praza do Rei e o festival celebrarase na Praza de Compostela.

venres, 6 xuñ 2008
1212755957diadamuineira.JPG
Xesus López explicou que o Día da Muiñeira, unha festa "xa plenamente consolidada", iniciarase ás 10.30 horas cunha mostra de artesáns e unha romaría gastronómica e posteriormente terán lugar diversas actuacións. Así, ás 11 horas actuará o grupo tradicional de gaitas da asociación folclórica Andarela; ás 12 horas está previsto o concerto da banda de música Delicias de Caeiro de Cabral; ás 17 horas actuará abanda de música de Valladares; ás 18.10 horas terá lugar a actuación do grupo de percusión Cascarexo da Escola Municipal de Danza; ás 18.30 horas o concerto correrá a cargo da agrupación portuguesa Grupo Etnográfico de Areosa.

A concentración das 170 agrupacións participantes no festival, procedentes de diversas localidades das provincias de Pontevedra e A Coruña como Moaña, Ponteareas, Salceda, Gondomar e Ribeira, terá lugar na praza do Rei ás 18 horas e formarán parte do pasarrúas que dende as 19 horas percorrerá Progreso, Eduardo Iglesias, Príncipe e Velázquez Moreno ata chegar á praza de Compostela, onde se celebrará o festival, que rematará ás 21.30 horas.

"Quero dar os meus parabéns á Escola Municipal de Danza pola organización desta xornada, que se asenta na participación multitudinaria", salientou o concelleiro de Cultura, quen agradeceu especialmente ao director da entidade municipal Wenceslao Cabezas, "Polo", por "mellorar a convocatoria cada ano". Polo, pola súa banda, sinalou que as agrupacións participantes deberán interpretar unha muiñeira, unha xota e unha ribeirana a ritmo do grupo Airiños de Castrelos, e todas ellas recibirán ao remate un agasallo conmemorativo do evento.

O mesmo día, 14 de xuño, celebrarase tamén a novena edición do Ensazamento do Traxe Galego, que terá lugar a partir das 17.30 horas no auditorio do Concello. Nel xa está confirmada a participación de 26 traxes, que competirán nas categorías de Traxe Antigo, Traxe Decotío, Traxe Moderno e Premio Especial. Ao remate do concurso, os participantes concentranse ás 18.30 horas na praza do Rei para desfilar xunto as agrupacións participantes no Festival da Muiñeira.
Descargar todas as imaxes