Escoitar

A "zona azul" comezará a operar con efectividade desde o próximo luns

A Concellería de Mobilidade asinou o pasado xoves un convenio coa empresa Dornier, encargada da Xestión do Estacionamento Regulado, polo que, a partir do próximo luns, as sancións impostas polos controladores serán efectivas "por primeira vez neste Concello". O edil informou este venres que as multas por superar as dúas horas máximas de estacionamento non se aplicarán ata xullo.

venres, 6 xuñ 2008
O concelleiro de Transporte e Mobilidade, Xulio Calviño, explicou este venres en rolda de prensa o contido do convenio asinado o pasado xoves entre o Concello e a empresa Dornier, concesionaria da xestión da XER, a antiga ORA, que solventa "por primeira vez neste Concello" o problema de tramitación das sancións impostas polos controladores.

Segundo informou o edil, as multas "nunca" se tramitaron polo modelo de "denuncia voluntaria" na zona azul, tal e como contemplan as condicións do servizo, xa que os traballadores non estaban identificados pola Policía Local, e as notificacións non se facían efectivas. A vía da denuncia voluntaria precisa, segundo o procedemento sancionador legal, do nome e profesión do denunciante e o domicilio social, neste caso da empresa.

Tras a sinatura do acordo, o Concello xa ten no seu poder a identificación dos traballadores, co que será efectiva a denuncia por parte da Policía Local. Desde o luns, os infractores recibirán no seu vehículo a notificación que inclúe o número identificativo do controlador, non o seu nome, que si constará na que lles sexa enviada ás súas casas.

"É a primeira vez que se sentan as bases para que se regularice este servizo", salientou Calviño, quen explicou que a sinatura deste convenio precisou dun laudo previo, en mans do edil desde o 26 de maio, que xustificara e baseara o acordo adoptado.

As infraccións serán tanxibles desde o próximo luns, pero as sancións por exceder o tempo máximo de estacionamento, estipulado nas dúas horas, non se aplicarán ata o primeiro de xullo. No mes de xuño, por tanto, os controladores únicamente informarán aos condutores do seu comportamento sancionable mediante un escrito que depositarán no parabrisas do vehículo.