O alcalde alerta da seca e critica a inacción da Xunta
O alcalde informou da situación hídrica que atravesa a cidade tendo en conta o período de seca que estamos a vivir e reclamou á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias en materia de abastecemento. O encoro de Eiras sitúa a súa porcentaxe de volume de auga embalsada nun 55%, case 40 puntos menos que na mesma data o ano anterior.

O rexedor lembrou que o Concello adoptou xa en agosto medidas de aforro: prohibición de baldeos, redución de rego, fontes ornamentais sen auga, peche das duchas de praia, prohibición de lavado de vehículos fóra de establecementos autorizados e de enchido de piscinas, así como un seguimento exhaustivo das perdas, “que en Vigo son baixísimas”. Pola contra –denunciou–, a Xunta reduciu o caudal ecolóxico para logo restablecelo, “é dicir, non fixo nada”.
Caballero puxo en valor a posta en funcionamento da nova potabilizadora: “En Vigo adiantámonos, o que supón un mellor aproveitamento da auga de Eiras respecto da anterior instalación. Iso significa moitos días máis de consumo garantido”. “O Concello de Vigo responde con toda a forza, pero quen ten que atender o abastecemento de recursos hídricos é a Xunta de Galicia, que non fixo nada. Nin sequera achegou un só euro á potabilizadora”, denunciou.
O alcalde lembrou tamén o acordo co Goberno de España e coa Xunta para construír un encoro de apoio augas arriba de Eiras, “un proxecto que non prexudica a ninguén e que permitiría garantir a subministración en momentos de seca”. “A Xunta non o puxo en marcha, malia ser a súa obriga”, recriminou.
Finalmente, Caballero fixo un chamamento á cidadanía a realizar un uso responsable da auga: “Quero aconsellar un uso moi racional, medir moito o consumo en todos os concellos abastecidos pola presa de Eiras. Hai que aforrar o máximo posible, porque o cambio climático chegou para quedarse e temos que actuar con responsabilidade”.