Caballero propón á Xunta e á Deputación pagar a terzos a obra previa á ampliación de Tribuna
O alcalde pretende que Xunta e Deputación se impliquen con Vigo como sede do Mundial 2030 financiando a terzos a ampliación do perímetro de Balaídos que permitirá, posteriormente, aumentar o aforo da grada de Tribuna. Estes traballos suporán un investimento de entre 3 e 5 millóns.

Abel Caballero reiterou esta mañá que Vigo é sede do Mundial tendo en conta que Málaga se retirou e Vigo era a seguinte no listado, segundo as puntuacións oficiais. “Louzán xa está tardando en recoñecer que Balaídos é sede porque gañou”, advertiu.
O rexedor confirmou que Balaídos, estadio europeo, xa está no proceso para que sexa mundial. De feito xa se está traballando na remodelación e ampliación da grada de Tribuna que pasará de 5.500 a 16.000 espectadores, logrando así que o estadio reúna os 43.000 asentos esixidos por FIFA. Caballero advertiu a Louzán que non “atrase” o recoñecemento de Vigo porque Balaídos está xa en obras, igual que outros estadios xa nomeados sede.
Para executar esta obra de ampliación do perímetro é preciso trasladar os dous colectores que actualmente están ubicados diante de Tribuna o que suporá un investimento de 3 a 5 millóns. Como se trata dunha obra para o Mundial, anunciou que proporá á Xunta e á Deputación o financiamento a terzos desta obra. A este respecto, anunciou que se dirixirá por carta de xeito inmediato a sendas administracións para que cooperen con Vigo como sede do Mundial.
O rexedor criticou ao presidente da RFEF, Rafael Louzán, por asegurar que Galicia conta cunha sede de mundial e limitar a 27.000 os espectadores de Balaídos. Corrixiu ao máximo responsable do fútbol español lembrando que Balaídos tamén é sede ao tempo que explicou que son moitos os estadios xa recoñecidos como sede que tamén están en obra para aumentar o aforo.
Banderolas
O Celta xogará mañá xoves o seu primeiro partido de Europa League en Vigo. O encontro será ás 21,00 h contra o PAOK de Salónica (Grecia). Como mostra de apoio, explicou Caballero, 37 autobuses do servizo de transporte público despregarán bandeiras do Celta. “Queremos trasladarlle o noso apoio Celta, queremos percorrer a cidade en autobús urbano”. Segundo detallou, esta iniciativa desenvolverase en todas as liñas máis próximas ao estadio e con todos os da C1.