Escoitar

O Concello comunicou á Xunta en xullo o permiso para iniciar as obras no Instituto Valentín Paz Andrade

Abel Caballero asignou hoxe á Xunta de Galicia a responsabilidade de non executar as prometidas obras de renovación da cuberta do Instituto Valentín Paz Andrade porque desde xullo a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional conta coa comunicación previa da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo de obras maiores que lle permite desenvolver o proxecto.

mércores, 1 out 2025

O alcalde explicou este mércores, tras a afirmación da portavoz do grupo municipal do PP de que as obras de mellora do Instituto Valentín Paz Andrade non se iniciaron por falta de permiso municipal, que a Xunta puido inicialas este verán porque a concellería de Urbanismo trasladoulle a comunicación previa de obras maiores en xullo. “Xa tiñan que ter a obra completamente acabada”, afirmou.

O rexedor incidiu en que a “ineficacia da Xunta” non só xera problemas no Instituto Paz Andrade, xa que no Manuel Antonio as clases impártense no medio das obras. “De novo a Xunta, como din os profesores, desatenden de forma crónica e permanente a este centro e ao Valentín Paz Andrade”, destacou.

Caballero recalcou que no caso de educación primaria, a administración galega “chegou a poñer en perigo a seguridade dos alumnos do Cep Celso Emilio Ferreiro e tivo que ir o Concello a facer unha obra de emerxencia de preto dun millón de euros para que o alumnado se incorporase nas debidas condicións de seguridade este ano”.

Descargar todas as imaxes