mércores, 6 maio 2026

O Goberno municipal suma 15,6 millóns ao orzamento de 2026 para investimentos en barrios e parroquias

O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou na sesión extroardinaria desta mañá a proposta do grupo municipal socialista de ampliar en 15,6 millóns de euros o orzamento de 2026. Os edís do PP e do BNG votaron en contra da iniciativa que inclúe actuacións en vivenda, política social, cultura, deportes, humanizacións, educación, alén de axudas a entidades cidadás de toda a cidade.

Caballero eloxia a calidade do campus multideporte do Coruxo FC

mércores, 6 mai 2026

O campamento de verán desenvolverase entre o 22 e o 26 de xuño en horario de mañá, con 400 prazas dispoñibles para nenas e nenos nacidos entre 2012 e 2022, que poderán practicar máis de 30 modalidades deportivas. O alcalde participou este mércores na presentación deste campus “fóra de serie” que axuda á conciliación familiar e laboral e que conta coa colaboración do Concello. Amais de poñer en valor a todo o equipo técnico do Coruxo FC e ao seu presidente, Gustavo Falque, felicitou ao club por terse clasificado para o play-off de ascenso a Primeira RFEF e pola temporada que veñen de facer, animándoos ao éxito no reto que teñen por diante: “tedes que gañar, queremos ascender”.

O Auditorio acolle as XVI Xornadas Municipais de Teatro Escolar

mércores, 6 mai 2026

O alcalde saudou este mércores ao alumnado e ás familias que asistiron á primeira das tres xornadas polas que pasarán 900 alumnos e alumnas viguesas de centros de educación Primaria da cidade así como grupos da Escola Municipal de Teatro, que organiza este evento. Hoxe representaron as súas pezas no escenario a Escola Municipal de Teatro, o CEIP Carballal de Cabral e o CEE HC San Rafael. Abel Caballero puxo en valor o teatro como ferramenta pedagóxica e de aprendizaxe e felicitou á Escola Municipal polo seu traballo.

O alcalde saúda a alumnado de intercambio do IES Santa Irene

mércores, 6 mai 2026

Abel Caballero recibiu este mércores no Concello a un grupo de alumnado e profesorado do IES Santa Irene que está participando nun intercambio educativo galego-catalán co IES José María Llompart de Mallorca. O rexedor deulles a benvida á cidade “acolledora” que recibe con agrado ás persoas que a visitan e convidounos a achegarse á súa historia e a gozar da experiencia de pasar uns días descubrindo o noso rico patrimonio.