“Galicia Biodays” reúne en Vigo a expertos en biotecnoloxía
O Auditorio Mar de Vigo acolle hoxe e mañá a terceira edición do foro de referencia da industria biotecnolóxica e das Ciencias da Vida do Espazo Atlántico Europeo, “unha gran reunión sobre ciencia, bioloxía e capacidade de xerar tecnoloxía da vida” apuntou o rexedor durante a inauguración do evento.
Na apertura do evento participaron José Manuel López Vilariño, presidente da Agrupación Industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga); David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca; Eva Ortega, secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación.
Abel Caballero afondou na idea de que “facer ciencia e tecnoloxía está na tradición desta cidade” e avogou por dedicar recursos a este ámbito desde a Zona Franca, considerando que a biotecnoloxía "xera crecemento económico e vida". Amais, felicitou a José Manuel López Vilariño, presidente da Agrupación Industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) por ter lanzado este proxecto coa “teoría tan importante de non marcarnos nunca límites á capacidade científica e investigadora; á nosa forma de ser porque cando estamos no mundo estamos na competencia do coñecemento”.
Galicia Biodays 2026 ten un amplo programa no que destaca como novidade a BioHackathon, unha actividade internacional e multidisciplinar dirixida a doutorandos e persoal investigador. Os participantes, durante catro días, traballarán nos retos reais expostos por empresas do sector, transformándoos en solucións concretas. Os BioTalent Meetings irrompen por primeira vez en Galicia Biodays. Trátase dunha plataforma exclusiva de networking deseñada para conectar talento do ámbito biotech con responsables de recursos humanos de empresas líderes do sector. O evento acollerá tamén unha nova edición dos BioInvestor Days.
Un total de 130 líderes protagonistas do ecosistema mundial da biotecnoloxía están a participar como relatores na terceira edición de Galicia Biodays, o foro de referencia da industria biotecnolóxica, que organiza Bioga e que conta co apoio de diferentes entidades e compañías.
XII BioInvestor Days
Quince empresas, proxectos e iniciativas biotech de Galicia, doutros puntos de España e do estranxeiro presentaron hoxe os seus proxectos de negocio
ante máis de trinta representantes de entidades de investimento, fondos e investidores institucionais no XII BioInvestor Days, no marco de Galicia Biodays
2026, o foro de referencia da industria biotecnolóxica e das ciencias da vida do Espazo Atlántico Europeo organizado por Bioga. As quince compañías e iniciativas seleccionadas, que contan cun elevado potencial de crecemento e que buscan financiamento para poñer en marcha ou impulsar os seus proxectos baseados na trasferencia de talento e na innovación, solicitan un financiamento que está entre os 50.000 euros e os cinco millóns de euros.
As necesidades de financiamento conxunto das catorce compañías superan os doce millóns de euros
O programa incluirá charlas centradas en aspectos clave como a transferencia tecnolóxica, o emprendemento e as oportunidades de investimento en aplicacións dixitais en biotecnoloxía. Algún dos relatores que estarán en Galicia Biodays 2026 son Timothy Cauldfield, divulgador científico da Universidade de Alberta e autor do libro Gwyneth Paltrow Wrong About Everything? (Gwyneth Paltrow equivócase en todo?); a investigadora en ecoloxía mariña da universidade de Gotemburgo Angela Wulff, fundadora da empresa Swedish Algae Factory, que utiliza micro-algas para mellorar a eficiencia dos paneis solares e crear cosméticos sostibles; Seng H. Cheng, Senior Vice President, de Alexion, empresa líder no desenvolvemento de terapias xénicas e tratamentos para enfermidades raras; Iván Cornella-Taracido, CEO de New Stealth Company e referente no descubrimento de fármacos e na identificación de dianas terapéuticas complexas; ou Joerg Holenz, director científico en Bial, onde desenvolve novas terapias centradas nas neurociencias e impulsa o descubrimento de fármacos para enfermidades difíciles como o Párkinson.