O Concello inviste 170.000 euros na iluminación do pavillón e do campo de fútbol da ETEA
O alcalde explicou que o sistema lumínico nestas infraestruturas deportivas da ETEA estaba obsoleto polo que a actuación con tecnoloxía led mellorará as condicións para a práctica do deporte.
A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación das obras de renovación da iluminación no pavillón e no campo de fútbol municipal da ETEA por un importe de 170.00 euros. A previsión é que se executen nun prazo de 6 meses.
Tal e como explicou o rexedor, a actuación mellorará a iluminación do terreo de xogo do pavillón polideportivo e do terreo de xogo do campo de fútbol con criterios de aforro enerxético con tecnoloxía led. A iluminación estaba obsoleta, polo que se desmontarán os elementos actuais e substituiranse por novos proxectores LED.
No eido das infraestruturas deportivas, o alcalde lembrou que o Goberno local ten en marcha un plan de reforma dos vestiarios e instalacións de 9 campos de fútbol municipais, cun investimento de 8.487.000 euros: Carballal (Cabral), A Bouza (Coia), As Relfas (Sárdoma), Candeán, Monte da Mina (Castrelos), San Andrés de Comesaña, Meixoeiro, Santa Mariña (Cabral) e A Guía.