martes, 18 xaneiro 2011

O alcalde presenta con VITRASA a nova organización do transporte público de Vigo

Segundo explicou Abel Caballero durante a presentación, a partir deste mes incorpóranse dúas novas circulares e unha nova liña que reforzará o servizo entre Praza de España e Beiramar cando abra o Auditorio. Realízase ademais unha modificación da Circular Inversa e da Circular C4B co obxectivo de prestar servizo á rúa Venezuela e Vía Norte, respectivamente; e amplíase a liña C5A a Navia en fins de semana, prestando unha frecuencia de 15 minutos coa C5B.

O Congreso Nacional de Toxicoloxía traerá este verán a Vigo ao director do FBI

martes, 18 xan 2011

O alcalde, Abel Caballero, e os organizadores do evento entrevistáronse este martes para analizar o próximo Congreso Nacional de Toxicoloxía, a celebrar o 26 e 27 de xullo no Centro Cultural Novacaixagalicia. Este acontecemento reunirá en Vigo a uns 150 asistentes e expertos en toxicoloxía forense, medioambiental ou laboral, entre as que se atopa o director do FBI, que abordará cuestións relativas as drogas. Caballero comprometeu a súa participación e o Concello ofrecerá unha recepción aos participantes.

O tenente de alcalde anuncia a estrea internacional do documental "Novo Vigo Vello", protagonizado por Tosar

martes, 18 xan 2011

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que o vindeiro sábado o Círculo de Bellas Artes de Madrid acollerá a estrea internacional do documental "Novo Vigo Vello: Vida e xente na reconquista do Casco Vello de Vigo", protagonizado por Luis Tosar, e que amosa a transformación que o barrio ten sufrido nos últimos anos grazas ao labor de rehabilitación. O nacionalista presentou tamén a campaña de promoción turística que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo desenvolverán en FITUR "para posicionar Vigo como referente turístico da fachada atlántica".

Santi Domínguez presenta o congreso de Patoloxía Mamaria, un dos 9 que o Vigo Convention Bureau pechou xa para 2011

martes, 18 xan 2011

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este martes a celebración en Vigo da XVII Reunión Nacional de Patoloxía Mamaria da Asociación Española de Cirurxiáns e a III Reunión de Enfermería en Patoloxía Mamaria, os días 9 e 10 de xuño no Centro Social de Novacaixagalicia. Santi Domínguez destacou que se trata dun dos nove congresos que ata o momento terán lugar este ano en Vigo "grazas ao traballo do Vigo Convention Bureau na tarefa de impulsar a nosa cidade como sede do turismo de congresos e negocios". A celebración deste congreso reunirá en Vigo a máis de 300 profesionais.

María Méndez confirma a implantación en Coia do proxecto "Crecendo na diversidade" para previr condutas de risco

martes, 18 xan 2011

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este martes a inclusión de Coia no programa "Crecendo na diversidade", de prevención de condutas de risco dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. A concelleira nacionalista asegurouno na xuntanza que mantivo hoxe cos equipos directivos e de orientación dos centros escolares de Coia, de xeito que esta zona se suma ao centro, Calvario e Teis.