Escoitar

O goberno local concede 15 días aos grupos políticos do Concello para consensuar unha declaración sobre o Área Metropolitana

O Pleno da Corporación deste luns rematou sen un acordo entre os tres grupos políticos, pese a amosarse unánimemente a favor da tramitación dunha lei autonómica de Área Metropolitana de Vigo. Socialistas e nacionalistas, coa oposición do PP, aprobaron que os partidos consensúen un texto nun prazo máximo de 15 días. A concreción do financiamento da nova entidade e a transferencia de competencias -principalmente da Deputación de Pontevedra- foron os principais obstáculos para o acordo.

luns, 17 xan 2011
1295271467ametropolitana.jpg
O Pleno extraordinario da Corporación Municipal celebrado este luns instou á Xunta de Voceiros a intentar consensuar unha declaración sobre a Área Metropolitana no prazo de 15 días.

No debate plenario, os tres grupos políticos mostráronse a favor dunha lei de área viguesa pero cuestións como a concreción do financiamento e da transferencia das competencias e recursos doutras administracións -principalmente a Deputación de Pontevedra- imposibilitaron a aprobación unánime dun texto. PSOE e BNG solicitaron definir ambos aspectos mentres que o PP defendeu o anteproxecto da Xunta de Galicia tal e como está.

Deste xeito, o goberno local conformado por socialistas e nacionalistas aprobaron que os partidos políticos busquen unha declaración conxunta na Xunta de Voceiros, opción rexeitada polo PP quen pretendía o apoio do Pleno ao anteproxecto elaborado e presentado polo goberno autonómico.

Os nacionalistas, a través do seu voceiro, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, reclamou o consenso dos 14 municipios que si existía na Declaración de Soutomaior de 1999, e rexeitou o anteproxecto autonómico por alterar a representación democrática dos concellos na nova entidade e por non aclarar o papel que xogará a Deputación nin as competencias nin o financiamento.

O voceiro socialista, Carlos Font, avogou por eliminar duplicidades administrativas mediante a transferencia das competencias e dos recursos por parte da Xunta e da Deputación, ademais das propias achegas das catorce localidades. Font tamén rexeitou que a creación da Área implique novos impostos para a cidadanía e defendeu a gobernabilidade da entidade mediante unha Xunta de Goberno formada polos alcaldes e un Consello Metropolitano que prime a representación dos concellos pequenos.

O representante do PP vigués, Ignacio López Chaves, eloxiou á Xunta de Galicia por levar adiante o anteproxecto de lei e a súa negociación en aras de consenso, que plásmase nas cen alegacións xa recibidas. O concelleiro indicou que as deputacións non poden ser vaciadas de contido sen modificar a Constitución Española e afirmou que a iniciativa autonómica é viable e realista e non suporá maior gasto para os cidadáns.

Finalmente, o alcalde, Abel Caballero, estimou que o proceso de elaboración dunha lei de Área Metropolitana de Vigo é unha "oportunidade histórica" para a cidade e defendeu a súa "vocación absoluta e total" de acadar o consenso preciso para levala adiante ainda que "seguramente todos teñamos que renunciar a algo".
Descargar todas as imaxes