Escoitar

O tenente de alcalde anuncia a estrea internacional do documental "Novo Vigo Vello", protagonizado por Tosar

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que o vindeiro sábado o Círculo de Bellas Artes de Madrid acollerá a estrea internacional do documental "Novo Vigo Vello: Vida e xente na reconquista do Casco Vello de Vigo", protagonizado por Luis Tosar, e que amosa a transformación que o barrio ten sufrido nos últimos anos grazas ao labor de rehabilitación. O nacionalista presentou tamén a campaña de promoción turística que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo desenvolverán en FITUR "para posicionar Vigo como referente turístico da fachada atlántica".

martes, 18 xan 2011
1295368446Fitur.JPG
Santi Domínguez salientou que "Novo Vigo Vello", desenvolvido dentro do Plan de Competitividade Turística, ten o obxectivo de promocionar a cidade "como se merecen Vigo e o Casco Vello". Explicou que Luis Tosar, embaixador honorífico do Casco Vello, está acompañado na longametraxe polos actores Antela Cid e Fran Peleteiro, así como polos veciños e veciñas do Casco Vello. O traballo foi dirixido por Eduardo Rolland e producido por Antón Reixa a través de Filmanova.

O tenente de alcalde indicou que a estrea da longametraxe documental o vindeiro sábado contará con persoas especializadas no eido dos documentais e o cine a nivel internacional, así como a delegación de diferentes entidades e colectivos da cidade e unha representación dos veciños e veciñas do Casco Vello. Avanzou que, dependendo da axenda de Luis Tosar, nas vindeiras semanas farase unha estrea oficial na cidade "para todos os veciños e veciñas de Vigo e en especial do Casco Vello".

O documental narra a historia dunha moza que regresa a súa casa familiar do Casco Vello tras varios anos vivindo no estranxeiro e se reencontra cun barrio que está recobrando a vida e se atopa inmerso na fase final da súa rehabilitación. Ao tempo que o barrio recobra a súa vida, esta moza recobra tamén a súa historia.

Eduardo Rolland indicou que "Novo Vigo Vello" comezou a gravarse hai máis dun ano, "facendo ficción, pero adaptándoa á realidade". Explicou que quere reflectir dúas vertentes do Casco Vello, como son os "veciños de sempre" dun barrio que sufriu deterioro pero que agora "ten unha nova oportunidade polo traballo que se está a desenvolver". En segundo lugar mencionou aos "novos veciños", ou a xente nova que aposta polo barrio e o elixe para vivir e traballar.

O director salientou que a longametraxe tenta reflectir a realidade do barrio e a súa evolución, así como encarar o futuro a través dos protagonistas. "Conclúe que hai esperanza para o Casco Vello e que agora si vai cunhas condicións de vida e de servizo axeitadas", manifestou. Ademais de agradecer ao Concello de Vigo, en concreto á Tenencia de Alcaldía, á Xunta e a Filmanova por "apostar" polo documental, salientou nomeadamente a profesionalidade de Luis Tosar, "porque foi un pracer traballar con el, tendo en conta que se trata dun proxecto menor en comparación coas outras grandes producións nas que está".

"É importante que dende as administracións, cando temos un obxectivo común, traballemos na mesma liña, como é o Plan de Competitividade Turística", manifestou Santi Domínguez, en referencia á colaboración coa Xunta, que financia unha parte deste plan xunto ao Concello e Turespaña. Neste sentido, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, indicou que os políticos teñen a obriga de "traballar conxuntamente e aunar esforzos" porque a recuperación do Casco Vello e a promoción de Vigo "pagan a pena". Ademáis expresou o seu desexo de que todos e todas nos sintamos "orgullosos coa longametraxe" e que propicie que máis turistas veñan á cidade.

Este documental será unha peza moi importante no traballo de promoción da cidade que se está a facer desde a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo, xa que vai ter unha difusión internacional. Esta longametraxe será un elemento máis no labor de impulso ao sector turístico da cidade, cuxas liñas básicas presentaranse o este venres na Feira Internacional de Turismo, FITUR. Santi Domínguez explicou que a presentación turística que se leva a FITUR está enmarcada na campaña "Vigo, velo para querelo". O nacionalista salientou que unha das grandes novidades ás que fará referencia e o novo Centro de Recepción de Visitantes, aínda que tamén se mencionará as potencialidades que ofrece Vigo coa Ría e as Illas Cíes como grandes referentes.

O tenente de alcalde avanzou que a recuperación e reconquista do Casco Vello "como elemento emblemático de atracción de visitantes" é outro dos eixos fundamentais da campaña promocional. "Temos que vender que Vigo é unha cidade atractiva", manifestou. A presentación en FITUR tamén incluirá o traballo que está a desenvolver o Vigo Convention Bureau.
Descargar todas as imaxes