Escoitar

O alcalde presenta con VITRASA a nova organización do transporte público de Vigo

Segundo explicou Abel Caballero durante a presentación, a partir deste mes incorpóranse dúas novas circulares e unha nova liña que reforzará o servizo entre Praza de España e Beiramar cando abra o Auditorio. Realízase ademais unha modificación da Circular Inversa e da Circular C4B co obxectivo de prestar servizo á rúa Venezuela e Vía Norte, respectivamente; e amplíase a liña C5A a Navia en fins de semana, prestando unha frecuencia de 15 minutos coa C5B.

martes, 18 xan 2011
1295354874vitrasa.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá co concelleiro de Mobilidade, Xulio Calviño, e co director xeral de VITRASA, Juan Carlos Villarino, o novo plan de reorganización do transporte público co que espera mellorar o servizo que se presta aos usuarios vigueses.

En concreto, estableceranse dúas novas liñas circulares, unha que mellorará a frecuencia a Navia e outra que conectará a zona do Calvario coa contorna de Balaídos. A principal vantaxe da primeira das circulares é, ademais de mellorar a conexión de Navia coa zona de Bouzas e Praza de América, a mellora da frecuencia de paso en Florida. Coa segunda das circulares, a contorna do Calvario (Gregorio Espino, Estación de Autobuses e Martínez Garrido) tamén contará con maior conexión con Praza de España, Praza de América e Balaídos, e reducirase a frecuencia de paso de autobuses por esta zona. Ademais, Avenida de Balaídos e Castrelos reducirán a frecuencia de paso e estarán conectadas con Praza de España, ata o momento sen conexión.

Circular Navia. Percorrido
O percorrido da circular de Navia é o seguinte: Praza de América - Florida - Caramuxo Teixugueiras - Limpiño - Tomás Paredes - Camilo Veiga - Tomás Alonso - Praza de Industria – Rúa Coruña - Praza de América.

Grazas a esta nova circular, que funciona en laborables, amplíase o servizo a Navia coas xa existentes C5A, C5B, C15A, C15B e C15C, contando esta zona cunha frecuencia inferior aos 10 minutos. Ademais, Tomás Alonso e Camilo Veiga estarán conectadas con Praza de América e mellorarase a frecuencia en Florida.

Circular Balaídos. Percorrido
O percorrido da circular que conectará Balaídos e o centro co Calvario é: Estadio de Balaídos - Avda. Balaídos - Castrelos - Gran Vía - Pizarro - Travesía de Vigo - Gregorio Espino - Estación de Autobuses - Martínez Garrido - Jenaro de la Fuente - Travesía de Vigo - Pizarro - Gran Vía - Praza de América - Fragoso - Estadio de Balaídos.

As principais melloras que se producen con esta liña son que a Avenida de Balaídos e Castrelos contarán cunha frecuencia de 15 minutos xa que ata o momento era de 30 minutos coa C4B. Ademais, grazas a esta circular estas dúas zonas conectarán coa Praza de España, unha conexión ata agora inexistente. Ademais, mellórase o servizo en Gran Vía e Travesía de Vigo cunha frecuencia de 30 minutos.

Por outra banda, Gregorio Espino e Martínez Garrido, polas que ata o momento só pasaba a C4C con dirección Choróns, contarán cunha frecuencia de 15 minutos en lugar da de 30 minutos existente e dáse cumprimento a unha demanda histórica xa que os usuarios que collan esta liña irán directamente á Praza de América por Praza de España.

Liña Auditorio
Ademais, en canto se produza a inauguración do Auditorio establecerase unha nova liña que lle dará servizo e que contará co seguinte percorrido: Praza de América - Rúa Coruña - Praza de Industria - Beiramar (Auditorio) - Cánovas del Castillo - Carral - Marqués de Valladares - Reconquista - Policarpo Sanz - Colón - Urzáiz - Gran Vía - Praza de España - Gran Vía e Praza de América.

Esta liña contará cunha frecuencia de 35 minutos en días laborables e 30 minutos en sábados. Poderá facerse transbordo desde calquera liña con esta. Ademais, trátase dun reforzo á liña Circular Centro (CC) para o Auditorio xa que esta liña deixará ao usuario na porta do Auditorio mentres que a CC parará na parte de atrás do edificio (Torrecedeira).

Modificacións na Circular Inversa e C4B
A partir deste martes, a liña Circular Inversa "C16" cambia o seu percorrido co obxectivo de prestar servizo por rúa Venezuela desde Gran Vía así como comunicar García Barbón (parada NH) con Gran Vía, xa que actualmente non hai ningunha liña que as comunique.

O novo percorrido da C16 será o seguinte: desde Urzáiz 13 continuará por Rep. Arxentina - García Barbón - Colón - Urzáiz (Príncipe) - Gran Vía - Venezuela - Praza do Rei e percorrido habitual.

Quedan anuladas as seguintes paradas: Colón 27 - Policarpo Sanz 15 (Casa das Artes) - Porta do Sol - Paseo de Alfonso - Rúa Cachamuiña, e créanse as de: García Barbón, 27 - Urzáiz (Príncipe) - Urzáiz, 28 - Gran Vía, 12 - Venezuela, 45 e Venezuela enfronte nº 20 (Colexio Maristas).

A última das novidades das liñas de transporte público de Vitrasa será a modificación da liña C4B (Coia - Poulo) para dar servizo a Vía Norte. Esta Circular modificará o percorrido desde Jenaro de la Fuente dirección centro. Actualmente realizaba o percorrido por Travesía de Vigo - Choróns e Urzáiz pero pasará a realizalo por Travesía de Vigo - Vía Norte e Urzáiz.

O percorrido da C4B queda da seguinte maneira: Poulo - Avda. Aeropuerto - Jenaro de la Fuente - Travesía de Vigo - Vía Norte - Urzáiz - Colón - Policarpo Sanz - Paseo de Alfonso - Cachamuiñas - Blein Budiño - Praza Do Rei - Camelias - Praza de América - Castelao - Porrriño - Coia - Padre Seixas - Pablo Iglesias - Estadio Balaídos - Avda. Balaídos - Avda. Castrelos - Camelias - Paseo de Alfonso - Policarpo Sanz - Colón - Urzáiz - Travesía de Vigo - Jenaro de la Fuente - Avd. Aeropuerto - Cantabria - Poulo.
Descargar todas as imaxes