Escoitar

Santi Domínguez presenta o congreso de Patoloxía Mamaria, un dos 9 que o Vigo Convention Bureau pechou xa para 2011

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este martes a celebración en Vigo da XVII Reunión Nacional de Patoloxía Mamaria da Asociación Española de Cirurxiáns e a III Reunión de Enfermería en Patoloxía Mamaria, os días 9 e 10 de xuño no Centro Social de Novacaixagalicia. Santi Domínguez destacou que se trata dun dos nove congresos que ata o momento terán lugar este ano en Vigo "grazas ao traballo do Vigo Convention Bureau na tarefa de impulsar a nosa cidade como sede do turismo de congresos e negocios". A celebración deste congreso reunirá en Vigo a máis de 300 profesionais.

martes, 18 xan 2011
1295368400Congreso.JPG
O nacionalista asegurou que estas nove citas profesionais traerán a Vigo máis de 8.000 persoas, polo que destacou a importancia que teñen como promoción da cidade pero tamén no tocante ao seu retorno económico e ao obxectivo de acadar a desestacionalización do turismo. Indicou que cinco están xa pechados e confirmados, como son o de Congreso de Citoloxía e o Salón do Bebé no mes de marzo, o MITM de touroperadores en abril, o Congreso SMEG de mediciña de xeral en maio e este de Cirurxía Mamaria en xuño. O tenente de alcalde anunciou que hai ademais outros "catro máis xa pechados que anunciaremos paulatinamente".

Santi Domínguez agradeceu ao presidente do comité organizador, o doutor Gonzalo de Castro, a elección de Vigo como sede do congreso e a súa presenza na presentación. Ademais, convidou á directora do congreso e representante da empresa organizadora Grupo Pacífico, Paloma Herrero, a elixir Vigo para vindeiros eventos.

O presidente do comité organizador agradeceu ao tenente de alcalde as facilidades proporcionadas para desenvolver o congreso na cidade e salientou que nas dúas xornadas participarán especialistas da patoloxía mamaria de diferentes cidades de España e Portugal. Indicou que está previsto finalizar o congreso cun encontro con mulleres afectadas polo cancro de mama co fin de escoitar as súas suxestións.

A directora do congreso expresou estar "gratamente sorprendida" coa cidade de Vigo, pola súa capacidade para organizar congresos e pola bo sector hoteleiro de Vigo. "Cremos que ten unha alta capacidade para desenvolver este tipo de eventos", manifestou. Finalmente, agradeceu o apoio do Vigo Convention Bureau, "que ten sido altamente efectivo", destacou.
Descargar todas as imaxes