xoves, 4 novembro 2010
Enviarase á Xunta de Galicia e aos grupos políticos para o seu debate e solicitaráse a súa tramitación no Parlamento coma proxecto de lei

Caballero presenta un proxecto de lei de área metropolitana "viable", "financiable" e "adaptado á realidade"

A proposta abrangue un area de 14 municipios integrada por Baiona, Nigrán, Gondomar, Fornelos de Montes, Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior, Cangas, Moaña, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Vigo.Prevé o máximo teito competencial superando "folgadamente" as competencias propostas polo proxecto do ano 2005 ou as xa existentes na Área Metropolitana de Barcelona. O seu financiamento parte do principio "irrenunciable" de non ter ningún custo adicional para os cidadáns da área metropolitana.

Caballero establecerá contactos con entidades da cidade para recabar "apoios para o aeroporto de Vigo"

xoves, 4 nov 2010

O alcalde de Vigo anunciou este xoves que o próximo luns iniciará unha rolda de contactos con axentes sociais da urbe para conseguir "apoios para o aeroporto de Vigo na súa competencia con Oporto". Esta decisión nace días despois de que Peinador perda as súas conexións internacionais subvencionadas pola Xunta, que pola contra continúan en Coruña e Santiago.

Santi Domínguez di na inauguración da reforma da Subida ao Castelo que a recuperación do Casco Vello "é xa realidade"

xoves, 4 nov 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este xoves a reforma da Subida ao Castelo e a súa extensión cara a rúa Hortas, que permitirá que a recuperación da superficie do Casco Vello remate antes do previsto. Segundo destacou o nacionalista, con esta actuación, que supuxo un investimento de 184.000 euros nunha superficie total de 460 metros cadrados, a recuperación do entramado viario do barrio histórico iniciado hai tres anos "é xa unha realidade" e seguirase traballando na rehabilitación de inmobles.

O alcalde consegue o apoio de RACE e Rede Eléctrica de España ao proxecto vigués de cidade piloto do coche eléctrico

xoves, 4 nov 2010

Abel Caballero mantivo este xoves unha reunión con directivos do Real Automóbil Club de España e de Rede Eléctrica de España dos que "temos todo o seu apoio" para a consolidación de Vigo como cidade piloto do coche eléctrico. Segundo avanzou, en febreiro montarán un stand de "presentación e demostración" do emprego do vehículo eléctrico, sendo Vigo unha das oito urbes estatais elexidas para este proxecto.

O alcalde transmitirá aos traballadores o "apoio" municipal e a súa "enorme preocupación" por un ERE en POVISA

xoves, 4 nov 2010

Abel Caballero anunciou hoxe xoves unha reunión para mañá co Comité de Empresa de POVISA, unha vez coñecido que o SERGAS non renovou o concerto co centro sanitario vigués. "POVISA está a suplir a carencia sanitaria pública histórica deste territorio", indicou o rexedor, que amosou a súa "preocupación" porque esta decisión deixe sen traballo a 1.000 profesionais e merme a "calidade sanitaria" da área viguesa.

Iolanda Veloso destaca que os obradoiros "Ciencia divertida" chegan a 750 estudantes de 18 colexios de Vigo

xoves, 4 nov 2010

A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, visitou este xoves o colexio O Pombal, un dos 18 centros escolares de Vigo nos que se están impartindo os obradoiros "Ciencia divertida", no marco da celebración hoxe do Día das Ciencias en Galego. Segundo a concelleira nacionalista, esta iniciativa ten o obxectivo de "difundir a ciencia en galego", pero tamén demostrar que a ciencia "pode ser divertida", mellorando a actitude dos escolares cara a esta materia.

Santi Domínguez amosa a súa satisfacción pola reanudación do servizo de Coidadores de Barrio

xoves, 4 nov 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, amosou hoxe a súa satisfacción pola reanudación hoxe do servizo de Coidadores de Barrio do Casco Vello, tras a súa constitución en cooperativa. O nacionalista, que durante a súa etapa como presidente do Consorcio do Casco Vello puxo en marcha os Coidadores de Barrio, salientou que se cumpre así o dobre obxectivo co que se creou esta figura. Por unha banda a zona histórica continúa dispoñendo dun servizo que atende ás necesidades do barrio e da veciñanza e por outra foméntase o autoemprego das persoas que inicialmente foron contratadas.

Bambalinas Asesinas, con Sergio Pazos e Tonino, representa mañá "Maté a un tipo" no Auditorio Municipal

xoves, 4 nov 2010

O Auditorio Municipal acollerá mañá 5 de novembro ás 21 horas a obra "Maté a un tipo", a cargo da compañía Bambalinas Asesinas, dentro da programación estable de artes escénicas organizada pola Concellería de Cultura. O prezo das entradas para asistir á representación é de 7 euros, que poden adquirirse anticipadamente a través da páxina web www.laboleteria.es ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo. A información completa da programación pódese consultar no 010 ou na web www.vigo.cultura.org.