Escoitar

O alcalde transmitirá aos traballadores o "apoio" municipal e a súa "enorme preocupación" por un ERE en POVISA

Abel Caballero anunciou hoxe xoves unha reunión para mañá co Comité de Empresa de POVISA, unha vez coñecido que o SERGAS non renovou o concerto co centro sanitario vigués. "POVISA está a suplir a carencia sanitaria pública histórica deste territorio", indicou o rexedor, que amosou a súa "preocupación" porque esta decisión deixe sen traballo a 1.000 profesionais e merme a "calidade sanitaria" da área viguesa.

xoves, 4 nov 2010
1288878278povisa.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reunirá mañá venres ao Comité de Empresa de POVISA para transmitirlles o seu "apoio" e "enorme preocupación" ante un Expedente de Regulación de Emprego no centro.

A dirección de POVISA informou onte dun ERE de extinción para un total de 1.200 traballadores -800 do propio plantel e outros 400 contratados ao efecto- derivado da non renovación por parte do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) do concerto co hospital, en vigor desde 2000 e que finaliza o 31 de decembro.

O alcalde amosou a súa "enorme preocupación" ante esta situación, pois "pon en perigo a calidade sanitaria" da área viguesa -POVISA ten ao seu cargo un total de 143.000 cartillas de saúde- e "amenaza" o emprego dos profesionais sanitarios.

Abel Caballero, quen exporá mañá aos traballadores a súa postura ao respecto, recordou que "POVISA está a suplir a carencia sanitaria pública histórica deste territorio".
Descargar todas as imaxes