xoves, 2 xullo 2009
O compositor alemán Andreas Willers presenta Montauk no Teatro Salesianos

O espírito das big bands con Santiago de la Muela Jazz Orchestra no Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons

xoves, 2 xul 2009

Santiago de la Muela chega o venres 3 de xullo á quinta edición de Imaxina Sons, un festival que se inauguraba o 16 de xuño de 2005 co concerto de dous guitarristas: un era Chema Saiz e o outro, el mesmo. De novo a oportunidade de gozar dun músico que, sendo xa un mestre do seu instrumento, é quen de compoñer para calquera formación e, ademais, dirixila co influxo do swing. Na praza do Rei a partir das 23h sesión dobre co cuarteto de Pepe Evangelista seguido da Santiago de la Muela Jazz Orchestra, unha formación con dezaoito músicos que pon ao día o espírito das big bands de sempre.

O hip hop galego e portugués esta fin de semana en Vila Nova de Gaia

xoves, 2 xul 2009

A localidade portuguesa de Vila Nova de Gaia, capitalidade cultural do Eixo Atlántico 2009, acollerá o venres, 3 de xullo, e o sábado, 4 de xullo, o festival EixoRap, onde se darán cita unha quincena de grupos de hip hop galegos e portugueses. EixoRap é unha iniciativa dos mc vigueses O Puto Coke e Kaixo Sama, e a productora viguesa Gold Artist's, que reuniron a músicos consolidados xunto a outros emerxentes de Portugal e Galicia. Como cabezas de cartel atópanse os portugueses Mind Dá Gap e Dealema, mentres pola parte galega serán O Puto Coke, Woyza e Kaixo Sama& Elecesar.

O concelleiro de Deportes desexa os maiores éxitos aos participantes vigueses nos Xogos do Eixo Atlántico

xoves, 2 xul 2009

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, desexou este xoves os "maiores éxitos" aos deportistas vigueses que participarán na octava edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que se disputarán do 5 ao 10 de xullo na Coruña. No trancurso da recepción que esta mañá ofreceu á delegación viguesa, integrada por un total de 120 deportistas, salientou que neste evento participan nenos e nenas de 14 a 16 anos nas modalidades deportivas de baloncesto feminino e masculino, balonmán masculino, fútbol 7 masculino, voleibol feminino, atletismo masculino e feminino, natación masculina e feminina e bádminton.