Escoitar
O compositor alemán Andreas Willers presenta Montauk no Teatro Salesianos

O espírito das big bands con Santiago de la Muela Jazz Orchestra no Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons

Santiago de la Muela chega o venres 3 de xullo á quinta edición de Imaxina Sons, un festival que se inauguraba o 16 de xuño de 2005 co concerto de dous guitarristas: un era Chema Saiz e o outro, el mesmo. De novo a oportunidade de gozar dun músico que, sendo xa un mestre do seu instrumento, é quen de compoñer para calquera formación e, ademais, dirixila co influxo do swing. Na praza do Rei a partir das 23h sesión dobre co cuarteto de Pepe Evangelista seguido da Santiago de la Muela Jazz Orchestra, unha formación con dezaoito músicos que pon ao día o espírito das big bands de sempre.

xoves, 2 xul 2009
1246536683santiagodelamuelaorchestra.jpg
Santiago de la Muela Jazz Orchestra
Antes desta orquestra, o guitarrista Pepe Evangelista presentará o seu traballo titulado Teima. Reúnense neste proxecto xunto a el tres das figuras máis dinámicas e relevantes do jazz no país con moitos puntos en común: Roberto Somoza, Kin García e Miguel Cabana. E, no Teatro Salesianos, o alemán Andreas Willers, considerado un dos mellores guitarristas do jazz actual, presenta o seu proxecto Montauk.

Desde hai catro anos o guitarrista Santiago de la Muela (Arrecife de Lanzarote, As Palmas de Gran Canaria, 1960) centra o seu traballo na composición para orquestra de jazz. Desde 2006 lidera unha big band; os xermolos estiveron vinculados ao Berlín Jazz Café de Madrid coa Talento Jazz Orquesta que, con algúns cambios de músicos, derivou na Santiago de la Muela Jazz Orchestra que, ademais de posuír o mérito de sobrevivir e actuar con regularidade nun contorno pouco propicio para ese tipo de formacións, editou dous discos. Os dous no mesmo ano, 2008, e un consecuencia doutro. Por unha parte Líneas paralelas, un disco moi persoal, tanto no aspecto compositivo como na propia embalaxe do disco, e Sabor a Big Band, unha gravación en directo de clásicos realizada inmediatamente despois e que o compositor e guitarrista concebiu como un regalo para o afeizoado.

A creación e mantemento dunha big band supón unha noticia tan extraordinaria como excepcional xa que os problemas loxísticos e económicos que carrexa non son poucos; se ademais se trata dunha orquestra dirixida con acerto, cun equilibrado repertorio en directo de orixinais –con temas como Samba para Pepita, adicada á nai do guitarrista, ou Fin de trayecto, adicado a un familiar republicano do guitarrista morto na guerra do 36, ambos incluídos no disco Líneas Paralelas- e estandars, unha sólida sección rítmica, co contrabaixista Christian Pérez, o baterista Carlos "Sir Charles" González e unha das poucas mulleres solistas de jazz en España, a pianista Marta Sánchez, ademais dun colectivo de músicos novos que poñen ao día o espírito das big bands de sempre, non é de estrañar a boa acollida que tivo no circuito.

O encargado de abrir a noite na Praza do Rei será o cuarteto de Pepe Evangelista con Teima, un proxecto que supón un punto de inflexión na súa experiencia na escritura de jazz. Xunto a Roberto Somoza, saxo tenor, Kin García, contrabaixo, e Miguel Cabana, batería, presenta un traballo que destaca pola súa equilibrada estrutura e polo acabado instrumental que os tres achegan ás composicións de Evangelista. O propio guitarrista recoñece que, sen perder o seu sentido da melodía, afastouse do rigor clasicista a favor dunha composición e interpretación que nalgún momento achégase ao free jazz. Catro dos profesionais do jazz máis prolíficos dos últimos anos en Galicia defenden a súa ensamblaxe nesta quinta edición do Festival Imaxina Sons.

O Teatro Salesianos acolle a partir das nove da noite o concerto de Andreas Willers (Berlín, Alemaña, 1957), que está considerado un dos mellores guitarristas do jazz actual. Influído polo blues, pola improvisación e polas novas músicas, Willers explora tamén as posibilidades do campo electrónico e das músicas étnicas. A súa versatilidade como intérprete conduce a guitarra con mestría no máis amplo espectro estilístico. O seu rexistro como intérprete abala entre o son bizarro –como nas súa recreacións de Jimmi Hendrix- e o vangardismo que impregnan traballos como Montauk (edición discográfica en Between the lines, 2005), que presenta nesta quinta edición de Imaxina Sons. Como compositor, cada proxecto parte dunha idea ou concepto; no caso de Montauk, dunha obra literaria de Max Frisch. Willers, que neste traballo recupera efectos de guitarra propios dos anos sesenta e algúns trazos de música étnica, especialmente canto toca o banxo, reserva un papel especial no proxecto para o violín de Dominique Pifárely. Ademais deles dous, poderemos escoitar en Vigo dentro desta formacións a Alain Grange, cello, e a Rudi Fischerlehner, percusións.

Ao circuíto Jazz na Noite chega o Angeles Dorrio Cuarteto. Amante do soul e do acid jazz, Ángeles Dorrio explora con esta formación un novo e diferente camiño na súa traxectoria. Venres 3 e sábado 4 de xullo, a partir da unha e media da mañán no Xancara Jazz (Isabel II, nº6).

Programa venres 3 de xullo
Pasacalles Always Drinking Marching Band
13 horas: Peonal do Calvario
19 horas: Montero Ríos-Praza de Compostela
21 horas: Centro comercial A Laxe

21,00 h Andreas Willers - Montauk
Teatro Salesianos.
Entrada: 3 euros
www.servinova.com ou no despacho de billetes do recinto antes do concerto

23,00 h Pepe Evangelista – Teima + Santiago de la Muela Jazz Orchestra
Praza do Rei. Entrada libre

01,30 h Ciclo Jazz na Noite XancaraJazz.
Ángeles Dorrio Cuarteto. Entrada libre
1246536683santiagodelamuelaorchestra.jpg
1246536725andreaswillers.jpg
Descargar todas as imaxes