Escoitar

Explosión Zappa con Napoleon Murphy Brock no Festival de Jazz Imaxina Sons

Parabéns aos seguidores de Frank Zappa. Saxo, voz e, por suposto, o seu sentido do humor e os seus bailes característicos, distinguiron a Napoleon Murphy Brock desde o momento que se incorporou á banda do xenial músico estadounidense a principios dos anos setenta. Sen dúbida, o saxofonista e cantante será un dos pratos fortes desta quinta edición do Festival Imaxina Sons de Vigo co seu concerto do xoves 2 de xullo na Praza do Rei a partir das once da noite.

mércores, 1 xul 2009
1246451109napoleoncor.jpg
Napoleon Murphy Brock
Napoleon Murphy Brock comparece en Vigo acompañado de Low Budget Research Kitchen. En 2006 fórmase no Porto (Portugal) este colectivo con oito instrumentistas e cunha única motivación: tocar a música de Frank Zappa. Xornada completa o xoves 2 no festival coa participación de tres magos do jazz, Colina Miralta Sambeat Trío, co seu segundo disco Andando recén saído do forno, no Teatro Salesianos a partir das nove da noite.

Frank Zappa (Baltimore, EUA, 1940-Os Ánxeles, EUA, 1993) procuraba aos mellores, a aqueles que podían resistir o seu frenético ritmo á hora de compoñer e interpretar. A Napoleón Murphy Brock descubriuno en Hawaii cando tocaba nun club coa banda de soul Gregarious Movement e convenceuno para que se integrara no seu equipo. Era o ano 1973 e Napoleon Murphy pasaba pouco despois a formar parte das últimas aliñacións do grupo The Mothers of Invention participando en discos tan sinalados como o directo Roxy & Elsewhere (DiscReet Records,1974) ou One Size Fits All (DiscReet Records, 1975), último disco que Zappa grava co nome desa formación á que chegara a principios dos anos sesenta. Zappa procuraba en Napoleón Murphy Brock non só un saxofonista, senón tamén un cantante e frontman. Acadouno e converteuno nunha figura fundamental no seu proxecto até finais dos setenta, cando o saxofonista e cantante emprende novos proxectos como a colaboración co grande teclista George Duke –tamén integrante das últimas mothers-. En 1984 Zappa chámao para xirar e Napoleon Murphy volta a aparecer nos créditos de discos como Them or Us (Barking Pumpkin, 1984), Thing-Fish (Rykodisc, 1984) , e nos seis volumes que saíron entre 1988 e 1992 baixo o título You Can´t Do That on Stage Anymore co selo Rykodisc.

Músicos e admiradores manteñen vivo o legado de Zappa en todo o mundo; o seu fillo Dweezil Zappa, tamén guitarrista, montou en 2006 o espectáculo Zappa plays Zappa que tiña como convidados a algúns músicos que colaboraran co seu pai como os guitarristas Ray White e Steve Bai, o batería Terry Bozzio ou o propio Napoleon Murphy Brock. En Europa celébrase na súa memoria o Zappanale, festival anual en Bad Doveran, no norte de Alemaña, onde fixo o seu debut internacional Low Budget Research Kitchen o pasado ano. A capacidade que posúe a música de Zappa para captar gustos e sensibilidades do jazz, da clásica e do rock é un potencial a desenvolver para formacións como Low Budget Research Kitchen que parten da premisa de que o compositor e guitarrista estadounidense non pode ser un descoñecido para as novas xeracións. O octeto portugués asume o reto de recrear un compositor que experimentaba e, sendo autodidacta, revelábase como un sorprendente orquestrador. O Imaxina Sons acólleos na súa primeira incursión galega, nin máis nin menos que con Napoleon Murphy Brock, cómplice da xenialidade de Zappa durante case vinte anos

A partir das nove da noite, o público ten unha cita con CMS Trío no Teatro Salesianos. A crítica non escatima eloxios: trátaos de allstars, de ases e de magos do jazz. Vellos coñecidos, Javier Colina, contrabaixo, Marc Miralta, batería, e Perico Sambeat, saxofonista, coincidiran xa hai dez anos na gravación do disco New York Flamenco Reunion, un proxecto liderado por Miralta que fusionaba jazz, flamenco e ritmos latinos alternando versións con composicións propias. Sete anos despois os tres amigos voltan reunirse cun proxecto discográfico (CMS Trío, Contrabaix, 2007), esta vez sen compañía doutros, para amosar a súa mestría técnica e artística, que non vai en detrimento da complicidade co público e do bo humor enriba do escenario. Preséntano no festival de Terrasa cun repertorio que inclúe temas propios como Hugo, asinado polos tres, ou Pringators e Sábanas negras, de Sambeat, pero tamén se nutre de referencias a John Coltrane –mesturado cun joropo venezolano-, Thelonius Monk –cunha pingas do bolero Verdad amarga-, Kurt Weill ou The Beatles. En marzo de 2009 voltan a Terrassa para realizar unha gravación en directo da que xurdirá Live in Terrassa e en maio saiu publicado Andando. Entremedias, participación en festivais de Bos Aires, Montevideo, Francfort, París, Londres e cheo durante unha semana no Café Central de Madrid o pasado mes de xaneiro.

O xoves 2 de xullo volta o jazz na rúa dentro do programa do festival coa fanfarria catalana Always Drinking Marching Band, que comezou a súa andaina en 1997 dando un chimpo cara a profesionalización en 2004 co espectáculo La calle es nuestra, que traen ao Imaxina Sons. Eis a súa especialidade; tomar a rúa con calidade musical e irreverencia a partes iguais. Dez músicos e un clown, coreografías e gags cómico-teatrais e, sobre todo, unha grande interacción co público. Como peche do día, o Quomo acolle ao grupo Dorian Gray Quartet dentro do circuíto Jazz na Noite, que defenderá un repertorio maioritariamente composto por pezas propias nas que fusionan jazz, rock, funk e blues.

Programa xoves 2 de xullo
Pasacalles Always Drinking Marching Band
13 horas: Mercado de Teis e contorna de Sanjurjo Badía
19 horas: Centro comercial Gran Vía
21 horas: Príncipe e a súa contorna

21,00 h CMS. Colina-Miralta-Sambeat
Teatro Salesianos. Entrada: 3 euros
www.servinova.com ou no despacho de billetes do teatro antes do concerto

23,00 h Napoleon Murphy Brock - Low Budget Research Kitchen
Projecto Zappa. Praza do Rei. Entrada libre

00,30 h Ciclo Jazz na Noite Pub Quomo. Dorian Gray Quartet
1246451109napoleoncor.jpg
1246451136colinamiraltasambeat.jpg
Descargar todas as imaxes