Escoitar

Máis de 70 comercios confirmaron xa a súa participación na feira Stockaxe os vindeiros 17 e 18 de outubro

A segunda edición da feira Stockaxe, que Tenencia de Alcaldía, Concellería de Comercio e FECOVI organizarán os vindeiros 17 e 18 de outubro no IFEVI, conta xa coa participación confirmada de máis de 70 comercios da cidade, superando así o número de expositores da pasada edición. Co obxectivo de atender a demanda de solicitudes que se está a rexistrar, a organización decidiu ampliar o espazo ferial ata os 7.000 metros cuadrados, xa que conta con albergar a un centenar de tendas que atraerán a presenza de máis de 30.000 visitantes durante a fin de semana.<br />

mércores, 1 xul 2009
Como novidade, e grazas a colaboración da Concellería de Patrimonio Histórico na organización da feira, Stockaxe contará este ano coa posibilidade de participar en talleres tradicionais que amosarán ás persoas asistentes a traballar no coiro ou a facer cestas, asemade, poderán contemplar os antigos oficios dos oleiros, torneiros e zoqueiros, mostrando deste xeito as orixes do pequeno comercio galego.

Nesta segunda edición, Stockaxe amosará unha ampla gama de roupa de home e muller, zapatos, complementos, óptica, decoración, informática, e material deportivo, aínda que destaca a ampla oferta de coñecidas marcas de moda xove, así como a participación de comercios de fóra de Vigo, que aportarán productos orixinais para a cidade. Mantendo o seu obxectivo de converterse nunha festa da cidade, Stockaxe ofrecerá para maior comodidade dos visitantes diversos servizos, como menú familiar, gardería para os máis pequenos e animadores que completarán o ambente festivo.

Co obxectivo de ofrecer ferramentas para paliar as consecuencias da crise no pequeno e mediano comercio de Vigo, Tenencia de Alcaldía e FECOVI estreitan a súa colaboración. Deste xeito, por 1 euro a cidadanía poderá visitar Stockaxe, que aspira a superar as cifras do ano pasado consolídandose coma un referente do sector do comercio e ofrecendo unha boa oportunidade para pasar a fin de semana de mercas en familia.