Escoitar

Benestar Social pon en marcha o primeiro programa de actividades interxeracional de verán nos barrios de Vigo

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este mércores a posta en marcha do primeiro programa de actividades interxeracionais de verán ao aire libre, que se desenvolverá en diferentes barrios da cidade ao longo dos meses de xullo e agosto. Danzas do mundo e tai chi son as dúas actividades que se celebrarán na Praza da Independencia, O Calvario, avenida de Castelao, Praza de Compostela e alameda de Bouzas, de luns a venres e sempre de 10.30 a 11.30 horas.

mércores, 1 xul 2009
1246450611intergeneracionais.jpg
"Neste programa téñense en conta especialmente ás persoas maiores, pero poden participar acompañadas de familiares", salientou a concelleira nacionalista. María Méndez explicou que a finalidade da iniciativa é "ofrecer unha actividade saudable similar ao programa de avellentamento activo que se desenvolve ao longo do ano" dirixo ás persoas maiores. Segundo a concelleira de Benestar Social a interrelación "é moi importante" para as persoas maiores, "sobre todo para as que comezan a quedarse na casa".

A edil subliñou que a práctica de calquera das dúas actividades propostas, tai chi e danzas do mundo, "é unha forma agradable de facer exercicio físico en grupo e un bo método para establecer novas relacións". Explicou que no seu desenvolvemento, no que non haberá límite de participantes, utilizaranse técnicas dinámicas de expresión corporal, relaxación e desinhibición e serán impartidas por dous monitores. Así, nos meses de xullo e agosto, os luns as actividades terán lugar na Praza da Independencia, os martes no Calvario, os mércores na avenida de Castelao, os xoves na Praza de Compostela e os venres na alameda de Bouzas. Segundo María Méndez o feito de que sexan sempre o mesmo día en cada lugar propiciará que a cidadanía teña unha "referenza clara do lugar no que se desenvolven as actividades".

A concelleira de Benestar Social salientou que a proposta de levar a cabo este programa partiu das persoas usuarias do programa de avellentamento activo, que para no verán. "Pensamos que para a xente que se queda na cidade e non marcha de vacacións tiñamos que organizar algunha alternativa e motivar á poboación en xeral a participar no exercicio ao aire libre", indicou a edil do BNG. "Con esta iniciativa queremos que non se paralice a actividade no traballo de mellora da calidade de vida das persoas", subliñou.

Descargar todas as imaxes