Escoitar

A guitarra ecléctica de Marc Ducret no Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons

Na xornada do mércores 1 de xullo o Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons propón, ademais, dos concertos de Marc Ducret no MARCO e de Organic Collective, dentro do circuíto Jazz na noite, unha mesa redonda para reflexionar sobre o camiño andado polo festival. As cinco edicións do mesmo motivan unha tertulia que terá lugar ás 20.30h no MARCO e na que participan o director artístico do festival, Baldo Martínez e os críticos Tomás Sendón e Alejandro Cifuentes. Posteriormente terá lugar o concerto solista de Marc Ducret, un dos máis reputados guitarristas europeos con proxectos a ambos lados do Atlántico.

martes, 30 xuñ 2009
1246363683ducret.jpg
Marc Ducret
Comezou tocar porque o facían outros nenos e por ter algún acompañamento cando cantaba. Nin de lonxe pensaba Marc Ducret (París, 1957) adicarse á música profesionalmente , porén estando na universidade ofrecéronlle facer unha substitución nunha banda de rithm & blues coa que estivo de xira durante un ano. De volta a casa, xa non tiña outra cousa na cabeza máis que tocar a guitarra. Na actualidade, traballa en proxectos tanto en Europa como en América.

Marc Ducret considérase un músico ecléctico que sitúa moitas das súas músicas favoritas nos anos sesenta e na música popular. Entre as súas constantes referencias, a música dos Beatles pola súa capacidade de inventiva, pero tamén os vellos discos de Hendrix, Aretha Franklin, Al Green ou Joni Mitchell. A música que cumpre a súa función é boa música, di, non importa se é simple ou complexa. Fundamentalmente guitarrista eléctrico, Ducret ten indagado noutros instrumentos de corda como a guitarra acústica, o baixo ou o oud –o laúde da cultura árabe-. Nos seus primeiros anos como guitarrista profesional colaborou con grupos de folk, proxectos de danza e diversos cantantes. En 1986 entra a formar parte da Orquestra Nacional de Jazz de Francia coa que participa en máis de oitenta concertos e un ano máis tarde recibe o premio Django Reihardt seguido do galardón da revista Jazz Hot ao mellor guitarrista en 1988. É o momento de formar o seu propio trío e facer o debut discográfico: será La Théorie du Pilier (Label Bleu, 1988).

Nos noventa comeza a colaborar co saxofonista Tim Berne nas formacións Big Satan e Science Fitction, co que ten gravado máis de dez discos e co que actúa regularmente nos Estados Unidos. En 2003 edita un dos seus proxectos máis ambiciosos Qui parle? ( Sketch Records) contando cunha ducia de músicos máis tres actores e unha cantante. O jazz é só unha parte dun proxecto no que a música vai mutando con formas que viaxan da música popular á clásica contemporánea con retallos de country e rock.

En 2009 edítase o disco en directo Le Sens de la Marche (Illusions, 2009) do Marc Ducret Grand Ensemble, orquestra sobre a que empezou a traballar hai tres anos composta polo trío estable que ten co baixo Bruno Chevillon e o batería Eric Echampard e oito novos músicos. Con esta formación, Ducret desprega un traballo de composición e orquestración que amplía as posibilidades á hora de crear ambientes sonoros diferentes. Na quinta edición de Imaxina Sons Marc Ducret, que colaborou ao longo da súa carreira con músicos como Larry Schneider, David Friedmann, Michel Portal, Didier Lockwood, Eric Barret, Miroslav Vitous, Enrico Rava, Django Bates ou Michel Godard, preséntase en solitario, un formato que lle apaixoa e que resulta fundamental nos seus últimos quince anos de carreira. Un guitarrista nada convencional que non procura público nos seus concertos xa que di que ese é o concepto que se manexa para vender, senón oíntes.

Antes do concerto de Ducret, o MARCO acolle ás 20.30h a mesa redonda Cinco edicións de Imaxina Sons. Os desafíos dun festival de Jazz. Pódense deixar suxestións, preguntas ou temas a tratar nesta mesa redonda na que participan Baldo Martínez, director artístico do festival, e os críticos Tomás Sendón e Alejandro Cifuentes a través da web www.imaxinasons.com. O obxectivo é que os afeccionados e o público en xeral introduzan os puntos sobre os que xire esta mesa redonda de entrada libre. Como peche da xornada, o club Contrabajo acolle a partir das 23h o concerto de Organic Collective, grupo fundado por Marcos Pin e Carlos López que viaxa polo jazz de vangarda, funk, soul e jungle.

Prógrama mércores 1 de xullo
20,30 h Mesa redonda / Conferencia
Cinco edicións de Imaxina Sons. Os desafíos dun festival de jazz. Mesa
redonda coa participación de Baldo Martínez, director artístico do festival
e os críticos Tomás Sendón e Alejandro Cifuentes
Salón de actos do MARCO. Entrada libre

21,30 h Marc Ducret
Salón de actos do MARCO
Entrada: 2 euros
www.servinova.com ou despacho de billetes no museo antes do concerto

23,00 h Ciclo Jazz na Noite. Contrabajo (Rúa Venezuela, 82)
Organic Collective
Entrada libre
1246363683ducret.jpg
1246363706colective.jpg
Descargar todas as imaxes