Escoitar

A alcaldesa recorda no Día Internacional dos Maiores as accións dirixidas a este colectivo

A sede da Alcaldía na rúa Areal foi escenario hoxe martes, co gallo do Día Internacional dos Maiores, dunha xuntanza dos representantes das asociacións de maiores de Vigo á que asistiu a alcaldesa, Corina Porro.

martes, 5 dec 2006
1165326358maioresdia06.jpg
Durante o encontro, Porro recordoulles aos asistentes que "vivir é avellentar", polo que os animou a "festexar, verdadeiramente, que cumprimos anos e que o facemos cheos de enerxía, con ganas de facer moitas máis cousas".

A alcaldesa anuncioulles aos representantes das asociacións a intención do Concello de posibilitar a entrada das persoas maiores a todos os cines de Vigo unha vez por semana polo prezo de 1 euro, e fixo, ademais, un repaso das accións específicas, tanto socioculturais como sociosanitarias e deportivas, promovidas polo Concello para mellorar o benestar das persoas maiores de Vigo.

Así, segundo lembrou Corina Porro, a Concellaría de Benestar Social leva máis de 17 anos realizando o programa "Deporte de maiores", para persoas con máis de 65 anos de idade. Neste programa participan máis de 1.600 cada ano. Actualmente conta con oito grupos de natación de 75 persoas cada un, distribuídos entre as piscinas de Teis, Lavadores e As Travesas. Ademais, 14 grupos de 20 a 22 persoas practican ximnasia nos centros de Teis, Lavadores e As Travesas. A demanda das actividades de natación e ximnasia fai que nestes momentos exista unha lista de espera conxunta de 210 persoas.

Outra actividade ofertada polo Departamento de Benestar Social é o obradoiro de baile galego e percusión tradicional, no que participan de forma continua máis de 25 persoas, tres delas maiores de 85 anos.

Así mesmo, desde hai dous anos desenvólvense os chamados obradoiros de memoria, dentro dos cales se puxeron en marcha, o pasado mes de outubro, seis novos cursos de axilidade mental, nos centros cívicos do Casco Vello, Teis e Coruxo e na Asociación Agarimo. Actualmente benefícianse destes cursos 120 persoas maiores.

Outro curso con grande aceptación é o de informática e iniciación a internet. En outubro comezaron dous grupos de 20 persoas cada un. Para o 90% por cento dos participantes, este curso supón a primeira ocasión en que utilizan un ordenador.

Ademais, a Concellaría de Benestar Social iniciou en 2006 dúas actividades en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra. Son a de estadas diúrnas nos balnearios de Cuntis, A Toxa e Mondariz, na que participaron xa 400 vigueses e viguesas maiores de 60 anos, e o cruceiro pola illas gregas.
Descargar todas as imaxes