Escoitar

128 persoas reciben formación na Escola Municipal de Teatro

A Escola Municipal de Teatro incrementou nun 70% o alumnado pasando de 70 alumnos no curso escolar 05/06 a 128 no 06/07, segundo informou hoxe o concelleiro de Educación, Ignacio López Chaves que presentou xunto á directora do EMT, Antonia Céspedes, o plan de actividades da Escola para o presente curso.

luns, 4 dec 2006
1165240315teatro041206.jpg
A Escola Municipal de Teatro desenvolve cursos e talleres destinados a persoas de todas as idades. O plan de actividades propón "obradoiros teatrais anuais", " a pano quitao", "xornadas teatrais" e "cursos monográficos do verán".

Os "obradoiros teatrais anuais" comprenden talleres de xogos dramáticos para nenos e nenas de 6 a 12 anos; técnicas teatrais para xente moza de entre 12 a 17 anos e obradoiros de técnicas teatrais para adultos de máis de 18 anos. Estes obradoiros teñen lugar dous días á semana en sesións de 1:30 hora durante os meses de outubro a xuño.

"A pano quitao" é un programa que consiste nunha serie de mostras bimensuais, abertas ao público en xeral, de traballos realizados polos alumnos da EMT nas aulas. Son de varios tipos, improvisacións, traballos de interpretación, escenas musicais, mostras de expresión corporal e danza, e en definitiva todas as creacións dos alumnos que quixeron amosar ao público. A próxima representación terá lugar o 22 de decembro na sede da Escola, situada nos locais da A.VV. Monte da Mina en Castrelos.

Ademais, como todos os anos, a EMT prepara as súas Xornadas Teatrais para o final do curso escolar. Nestas xornadas poñese na escena diversas pezas teatrais, representadas polos alumnos e dirixidas polos mestres da Escola, Antonia Céspedes, Leonel García Laborde, Eva Vila, Nuria Montero y Estefanía Ramallo.

Este ano a Escola Municipal de Teatro tamén presentará unha nova oferta de cursos monográficos de verán, destinados a tódolos profesionais do mundo teatral que amosen interese por perfeccionar a súa técnica ou ben para aquelas persoas que queren iniciarse no coñecemento teatral.

A Concellalía de Asuntos Sociais do Concello de Vigo, e o seu departamento. de Educación, son fundamentais para o desenvolvemento deste proxecto, de xeito que nos últimos tempos a Escola Municipal de Teatro pasou a converterse nunha referencia na formación teatral para tódolos vigueses interesados na actividade teatral, agora complementada coa recentemente inaugurada Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Situación das aulas

A Escola Municipal de Teatro imparte as súas actividades nas instalacións da Escola Municipal de Teatro en Monte da Min, 16, Castrelos.

Os obradoiros impartidos de xeito descentralizado nos colexios públicos: CEIP Mestres Goldar (Rúa Costa, nº 4, Castrelos) e no CEIP Vilalaura (Rúa Hispanidade, nº 86) Estes cursos están enfocados aos alumnos máis novos.
Descargar todas as imaxes