Escoitar

Final da "Liga de Improvisación de Teatro"

O sábado 2 de decembro, a partires das 19:00h, no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo celebrarase a gran final da Liga de Improvisación de Xóvenes Afeccionad@s que organiza a concellería de Xuventude.

venres, 1 dec 2006
Os equipos clasificados das divisións negra e branca, Chespiriños, Corral de Comedia, IES Castelao e Splash, disputarán as semifinais de cara a participar no Combate Final da que sairá o equipo gañador desta segunda edición.

O pasado 13 de setembro arrancaba a segunda tempada da Liga de Improvisación para Xóvenes Afeccionados /as . A única liga de teatro improvisado de Galicia e a única de España para afeccionados/as.

Ao longo das 6 xornadas de competición celebradas, a L.I.X.A. amosouse como todo un espectáculo de referencia, onde os xóvenes vigueses/as afeccionados ao teatro puideron demostrar a súa imaxinación enfrontándose a outros equipos da mesma cidade. Diversión, espectáculo, xuventude, cultura, interacción, deporte... teatro en efervescencia, foron os ingredientes presentes cada venres dende o pasado mes de setembro nas competicións celebradas na Sala A!.

A segunda edición da L.I.X.A. contou coa participación de 71 moz@s de entre 14 e 30 anos que formaron un total de 9 equipos, participando en dúas divisións: División Branca e División Negra. Cunha asistencia de público durante a competición regular de máis de 400 persoas en total.

A Gran Final, coa que se pecha a segunda tempada da L.I.X.A., preséntase como unha grande festa do enxeño, da imaxinación, do humor... un evento irrepetible no que a improvisación será a protagonista e a participación do público fundamental, xa que as/os asistentes escollerán os temas das improvisacións e valoraranas co seu voto.

A entrada é de balde ata completar aforo.