Escoitar

A Xunta de Goberno aproba os tres últimos proxectos do Plan Parroquias

Os proxectos de recuperación da praia do Vao e de mellora do paseo do Lagares e do contorno da igrexa de San Andrés de Comesaña, pertencentes ao Plan Parroquias, recibiron hoxe luns o visto bo do Goberno local. O seu portavoz, José Manuel Figueroa, afirmou que as obras "poderán adxudicarse antes de fin de ano".

luns, 4 dec 2006
1165240957xunta041206.jpg
Figueroa engadiu que deste xeito os máis de 80 proxectos incluídos no Plan están xa "adxudicados, en fase de adxudicación ou de licitación ou en obras". As cantidades asignadas a cada un dos proxectos aprobados hoxe luns son de 100.000 euros para a recuperación do Vao; 280.000, para a mellora do paseo do Lagares, e de 115.000, para a do contorno da igrexa de San Andrés de Comesaña. Estes proxectos publicaranse mañá martes no Boletín Oficial da Provincia.

Edificio Cambón

Por outra parte, a Xunta de Goberno adxudicou as obras de demolición parcial e cambio de cuberta do edificio Cambón a Oreco SA, por un importe de 352.800 euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 90 días e un incremento do prazo de garantía de tres anos.

O edificio Cambón é o elixido pola Consellaría de Medio Ambiente para albergar a sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas, segundo confirmou a administración autonómica nunha carta que chegou ao Concello o pasado xoves. Segundo asegurou José Manuel Figueroa, o Goberno municipal valora de maneira positiva esta cisrcunstancia, xa que significa que "as relacións coa Consellaría de Medio Ambiente van por bo camiño".

Así mesmo, o Goberno local decidiu hoxe luns allear para chatarra 49 vehículos que actualmente están no depósito municipal, solicitando oferta a diversas empresas especializadas por un prezo mínimo de 3.650 euros. Os gastos de recollida e traslado dos vehículos serán por conta do adxudicatario.

Por último, quedaron aprobadas as bases do concurso de carteis do Entroido, que alcanzará en 2007 a súa XXI edición. Os premios estipulados para este concurso supoñen un importe total de 3.400 euros. Concederase un premio único de 2.500 euros e tres accésits de 300 euros cada un.
Descargar todas as imaxes