Escoitar

Luz verde á recuperación de Bernardo Alfageme e á adquisición do Auditorio

O Pleno rexeitou a maior parte dunha modificación orzamentaria relativa a un gasto de 11.699,72 euros destinado a acometer unhas corenta actuacións no municipio. Resultaron aprobadas dúas delas: a recuperación de Bernardo Alfageme e a adquisición do Auditorio.

luns, 25 abr 2005
1114435897pppleno.jpeg
Concelleiros do goberno municipal
O Pleno da Corporación Municipal celebrado hoxe luns rexeitou a maior parte dunha modificación orzamentaria relativa a un gasto de 11.699,72 euros destinado a acometer arredor de corenta actuacións no municipio.

Dúas das actuacións propostas resultaron aprobadas coas súas correspondentes partidas. Así, a recuperación de Bernardo Alfageme, por 275.000 euros, contou co voto favorable de PP, BNG e PG. O PsdeG-PSOE votou en contra neste asunto.

Ademais, o gasto de 1.556.000 euros para a adquisición, coa axuda da Xunta de Galicia, do Auditorio, tamén foi aprobado ao contar co apoio de PP, PsdeG-PSOE e PG. O grupo do BNG decidiu emitir un voto contrario a este investimento por pretender a cesión gratuíta do recinto.

O conxunto das restantes actuacións propostas nesta modificación orzamentaria foi rexeitado porque PSdeG-PSOE e BNG votaron en contra del, superando o número de votos de PP e PG, que concordaron en apoiar estas obras.

Entre as actuacións rechazadas están un convenio con Zona Franca dentro de Vigo 2005, a musealización da finca Mirambel, a recuperación do edificio do Reitorado, melloras nas beirarrúas, así como en parques como o de Castrelos e prazas como a da Independencia, e outras como a mellora da igrexa de Bouzas e diversas obras en Balaídos.

O Pleno de hoxe tamén serviu para dar conta da liquidación do orzamento do Concello correspondente ao exercicio de 2004. Neste punto, Javier Guerra, concelleiro do PP, afirmou que "a saúde financeira deste Concello é boa. Non mostraron a mesma opinión Manoel Soto, do PG, quen considera "manifestamente mellorable" o estado de contas do Concello, e Xavier Toba, do BNG, que dixo que se os datos económicos están ben é "porque este goberno non tivo orzamentos en 2004".

Finalmente, na sesión plenaria de hoxe a Corporación Municipal decidiu aprobar, por unanimidade, a adhesión do Concello de Vigo ao convenio de colaboración entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias en materia de intercambio de información tributaria e colaboración na xestión racadadora.
Descargar todas as imaxes