Escoitar

Os maiores visitan o campus universitario

A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias e o xefe de servizo do Vicerreitorado de Extensión Universitaria, Ricardo Corderí Salgado, recibiron ao colectivo de persoas maiores da Asociación Ledicia de Beade que realizaron unha visita ao campus vigués. Esta actividade forma parte dun programa de colaboración entre as dúas institucións de visitas guiadas destinadas a grupos de persoas maiores da cidade.

venres, 22 abr 2005
1114170012martamaiores.jpeg
Rodríguez , Corderí e Iglesias
O programa de visitas ao campus de Lagoas-Marcosende iniciouse no ano 2000 e, despois dunha interrupción a causa das obras de construción dos novos edificios, retomouse co inicio deste curso. Con esta iniciativa preténdese dar a coñecer as instalacións, dinámicas e servizos da Universidade entre os maiores vigueses, fomentar a súa participación e o contacto cos estudantes e ampliar a oferta lúdica e educativa destinada as persoas que teñan entre 60 e 80 anos.

As visitas lévanse a cabo os xoves e os venres en grupos de ata 55 persoas que son guiados por voluntarios da Universidade. O técnico desta área, Ricardo Rodríguez Piñeiro, salientou que os maiores "están encantado coa actividade, xa que moitos descoñecían o campus ou o tiñan visitado cando era un monte". Deste xeito, os visitantes poden coñecer as instalacións universitarias nun percorrido de aproximadamente dúas horas pola piscina, o Edificio Miralles, a zona comercial, a Reitoría, a Biblioteca e Facultade de Económicas e Empresariais como fixeron o venres uns cincuenta membros da asociación Ledicia de Beade.

A Universidade conta asemade cun programa específico de estudo para maiores de 55 anos sen necesidade de titulación previa que se leva a cabo en tres cursos. No primeiro deles, admítense trinta alumnos por campus e, no caso de que non se cubran as prazas, a convocatoria ábrese a persoas dende os 50 anos.

O programa formativo do primeiro curso figuran materias como a identidade psico-social da persoa adulta, introdución á historia, cultura e pensamento ou xeografía de Galicia. A formación complétase con talleres e actividades complementarias que abranguen temas como saúde e medio ambiente, literatura galega, ciencia ou medios de comunicación.
1114170012martamaiores.jpeg
1114170117maioresbeade.jpeg