Escoitar

A Policía Local aumentará o control sobre Gran Vía para reducir o número de accidentes

A Policía Local aumentará o seu control sobre Gran Vía para reducir o número de accidentes nesa rúa. En 2004 rexistráronse en GranVía 175 accidentes, nos que resultaron feridas 115 persoas. A dobre fila, a velocidade inadecuada e a falta de respecto aos semáforos foron as principais causas destes sinistros.

venres, 22 abr 2005
1114175842police.jpg
A Policía Local aumentará a súa presenza en Gran Vía para reducir o número de accidentes nesa rúa. Así o anunciou hoxe venres Carmelo Del Castillo, oficial xefe da Policía Local, durante a presentación dun estudo dos sinistros que se produciron en Gran Vía en 2004, na que tamén estivo presente o concelleiro de Tráfico, Antonio Coello.

Segundo Del Castillo, o corpo que dirixe deberá incrementar a vixilancia da dobre fila nesa rúa, sobre todo no tramo comprendido entre a praza de España e a praza América, en sentido descendente cara a esta última. O estudo presentado hoxe constata que os vehículos que circulan polo carril dereito da calzada encontran este carril ocupado, polo cal efectúan un cambio de carril brusco, o que pode dar lugar a colisións.

Así mesmo, Del Castillo dixo que haberá máis controles de velocidade mediante radar, tanto en sentido ascendente, onde o exceso de velocidade motiva a maioría dos alcances, colisións en cadea e choques con saída de vía, como en sentido descendente. Outro dos factores que interveñen nos accidentes en relación coa velocidade é que os conductores acostuman acelerar no cambio de fase na proximidade das interseccións, provocando colisións por alcance e embestida.

Outra das medidas preventivas consiste en aumentar a presenza policial en Gran Vía, en especial entre a praza de España e a praza de América, para que se respecten os semáforos. Neste sentido, Carmelo Del Castillo adiantou que se incidirá na sensibilización dos peóns, que se non dá os resultados esperados suporá que a Policía Local faga uso, "como último recurso", das sancións.

O concelleiro de Tráfico, Antonio Coello, dixo que a rúa Gran Vía é "trascendental na nosa rede viaria". De praza América á praza de España rexístrase un volume de circulación de 33.000 vehículos por día, mentres que da praza de España a praza América son cerca de 24.000 os vehículos que transitan cada xornada.

En 2004 producíronse 175 accidentes en Gran Vía, dos cales 85 supuxeron soamente danos materiais e 90 se saldaron con víctimas. Houbo dez atropelos, seis deles en paso peatonal e catro fóra de paso peatonal. En total rexistráronse 115 víctimas. Houbo dous feridos graves (un conductor e un ciclista" e 113 leves (62 conductores, 38 ocupantes 12 peóns e un ciclista).

Segundo o mapa de sinistralidade que está a elaborar a Policía Local, a rúa Gran Vía é, cos seus 175 sinistros, a zona de Vigo onde hai máis accidentes, seguida pola avenida de Madrid (112), Beiramar (97), Areal (77), Arquitecto Palacio (67) e Urzaiz (48).
Descargar todas as imaxes