Escoitar

A Vigo Cup 2005 potenciará en xullo o deporte base e o intercambio sociocultural

Este torneo de fútbol para rapaces de 10 a 19 anos contará coa participación de arredor de 200 equipos de distintos lugares de España e o estranxeiro.

xoves, 21 abr 2005
A concelleira Lucía Molares presentou hoxe, na sede da Fundación Vide o V Torneo Internacional de Fútbol Base Vigo Cup 2005, que se disputará na cidade entre o 4 e o 10 de xullo. O torneo contará, como en anos anteriores, cuns 200 equipos procedentes de distintos puntos de España e o estranxeiro. Preténdese fundamentalmente posibilitar un intercambio sociocultural entre mozos de distintos lugares e cunha afección en común, que é a práctica do fútbol. Tamén se pretende dar a coñecer o potencial turístico da cidade e dos arredores a través de distintos programas de ocio.

A Vigo Cup é un torneo internacional de fútbol base que pretende no comezo do verán potenciar os valores educativos do deporte e o intercambio sociocultural. Entre os seus obxectivos destacan:

- Proxecto de cooperación entre institucións públicas e organizacións deportivas dirixida a integrar a práctica do deporte dunha forma estructurada con outras actividades sociais, culturais e de ocio destacando os valores do deporte nos procedementos da educación.

- Analizar e debater sobre a ensinanza dos deportes colectivos entre os xoves deportistas.

- Alentar o intercambio de boas prácticas na actividade deportiva de cara a mellorar os aspectos xerais dos modos de vida actuais.

- Difundir o xogo como método de ensinanza de valores que promovan a convivencia, solidariedade e cooperación entre os xoves deportistas.

- Achegar ao deportista profesional á formación dos mozos como referencia de sacrificio e traballo para a consecución dos logros deportivos.

- Ser referencia internacional nos torneos de verán de Fútbol Base.