Escoitar

O Festival Sinsal trae a Nina Nastasia, Kid Dakota e Low

O Festival Sinsal continúa coa súa programación de primavera coas actuacións, o próximo luns 25 de abril no Teatro Salesianos, das bandas estadounidenses Low e Kid Dakota e a cantante canadense Nina Nastasia.

venres, 22 abr 2005
A programación de primavera do Festival Sinsal continúa, despois do concerto co que Josephine Foster inaugurou a estación, o próximo 25 de abril no Teatro Salesianos. Desta vez actuarán as bandas estadounidenses Low e Kid Dakota, ademais da cantante canadense Nina Nastasia.

A velada comezará ás 20:30 con Nina Nastasia. Nina Nastasia é divertida, guapa, pensativa, perceptiva. En realidade, ten todas esas pequenas cousas que debe ter unha boa cantautora. Todo o cal carece de importancia cando oímos a música contida en álbumes tan cheos de maxia como Dogs, The Blackened Air e Run to Ruin.

Ás 21:30 será a vez dos estadounidenses Kid Dakota, un grupo deses que están irremediablemente unidos a unha paisaxe. Neste caso, os vastos horizontes do Oeste americano. Kid Dakota foi en principio o proxecto en solitario de Darren Jackson, ao que se uniu máis tarde o batería Christopher McGuire. Xuntos fixeron nas súas primeiras composicións unha fusión de rock, folk e country. Traballos nos que se mostra a evolución da súa música son So Pretty, The West is the Future e Get Her out of My Head.

Por último, a partir das 22:30 actuarán os tamén estadounidenses Low. Orixinarios de Minnesota, Low compóñeno o matrimonio formado por Alan Sparhawk e Mimi Parker e o baixista Zak Sally. Con eles non se pode usar o tópico de que son "unha banda de culto", porque en realidade son case unha relixión. Suxerindo o máximo co mínimo, as catarses que desatan os seus discos non pararon de captar fieis seguidores desde que comezaran a predicar a súa doutrina. Ata o de agora teñen publicado traballos tan exitosos como I Could Live in Hope, The Great Destroyer, A Lifetime Of Temporary Relief e Trust.

As portas do Teatro Salesianos abriranse ao público ás 20:00, media hora antes do concerto de Nina Nastasia. As entradas anticipadas custan 15 euros e en taquilla, 18 euros. As reservas pódense facer chamando ao 986 113 800. Máis información na páxina web www.sinsalaudio.com.