Escoitar

Programa "Tardes e Noites Vivas"

Un gran abano de posibilidades de ocio, nas tardes e noites das fins de semana, é o que oferta o programa Tardes e Noites Vivas da Concellería de Xuventude.

xoves, 14 abr 2005
Este programa vén de comezar e xa acadou un ritmo forte de asistencia nas súas sedes. Quizáis o espallamento das mesmas, a gratuídade das actividades ou a variada oferta de horarios e propostas fan deste un proxecto estrela polo que os xoves preguntan e se interesan. Malabaristas, deportistas, xogadores de rol, "manitas", ... todos e todas teñen unha cita esta fin de semana.

O venres 15 de abril

- No ximnasio do I.E.S. O Castro (rúa J.G. Posada Curros, nº 1. De 22:00 a 01:00 h.) haberá obradoiros de carteiras de coiro, un cursiño de percusión e bailes tropicais. Complétase a oferta cunha pachanga nocturna ao aire libre e xogos de mesa variados.
- No Pavillón do Berbés (Jacinto Benavente, 1 .De 23:00 a 01:30 h) atoparanse danzas do ventre e dous obradoiros: un de chapas e outro de cócteles sen alcohol. Tamén haberá espazo para os deportes coa práctica de musculación e squash, e o encontro de Vigo en xogo de baloncesto entre o C.B. Cacique e o C. Mariano ás 23 horas, e o Avesporros contra Mesón A Guía La Amenaza ás 0:15.
- Na Asociación Xuvenil Cancerbero (Heraclio Botana, 6) faranse xogos de estratexia entre os asistentes que poderán elixir entre o Morhdheim, Warhammer fantasy, Mage Knight ou Descubridores de Catán a partires das 18 horas.
- Na Asociación Veciñal Camiño Vello de Coia (rúa Marín,1) continúa dispoñible internet gratis dende as 20 ata as 22 h. para uso dos asistentes a esta sede.
- No Pavillón de Coia (Avda Castelao s/n) haberá ioga Kundalini ás 22:00 h. e, a partir das 23:00 h. circuíto para coches de radiocontrol miniZ e pachanga nocturna
- A Asociación Xuvenil Abertal (rúa Venezuela 3, baixo De 17:30 a 22:30h.) organiza unha partida de Magic. Dentro da proposta "Faino ti mesmo" pódense elaborar pulseiras, abelorios e obxectos con coiro e acceder a internet ou disfrutar dunha sala multiusos para quedar cos amigos e amigas reunirse, xogar, etc.
- O Espazo Xove do Castro (a carón da pista de bicis do Castro) alberga un obradoiro de improvisación teatral e outro de expresión corporal, liga de xogos en rede, obradoiro de retoque fotográfico e espazo para break dance, ademais dun espazo aberto para estar en grupo.

Sábado 16 de abril

- No ximnasio do I.E.S. O Castro (rúa J.G. Posada Curros, 1) resérvase como espazo para os malabaristas onde poden aprender e practicar passing e swing e cariocas. Disponse tamén un lugar para xogos de rol e de mesa e, ao aire libre, se celebran as partidas de petanca e a pachanga nocturna. Dende as 22:00 a 01:00h.).
- Dentro do Pavillón do Berbés (Jacinto Benavente, 1) practicaranse os deportes habituais, musculación e squash, e como novidade inclúese a esgrima. Máis repousado é o obradoiro de marcos de fotos que se impartirá neste mesmo pavillón. Os partidos de Baloncesto Vigo en Xogo enfrontan a La Naranja Mecánica co C.B. Treboada (22:15h.) e ao Talismán contra o Eiras Mar (23:30 h.).
- A Asociación Xuvenil Abertal (rúa Venezuela 3, baixo) proxecta o corto "Hongos" para introducir unha actividade sobre relacións persoais, á vez que dispón de conexión a internet e sala multiusos. Nun achegamento ao mundo do silencio impártese tamén un obradoiro de Linguaxe de signos.
- Ao Espazo Xove do Castro (a carón da pista de bicis do Castro) pode achegarse quen queira aprender a deseñar unha web, a decorar o PC ou modding, ou a divertirse xogando en rede, todo despois do desafío SMS que se fai ás 17 horas. Simultaneamente e para outro tipo de participantes hai outra oferta arredor dos malabares e a danza oriental neste mesmo espazo.

As actividades se desenvolven entre as 17:00 e as 2:00 horas, segundo o espazo, podéndose consultar máis información na Casa da Xuventude, no 986 294 806 ou na web www.xuventudevigo.org