Escoitar

Antón Cabaleiro expón o seu proxecto "Coexistencias pacíficas" na Fundación Laxeiro

O artista santiagués Antón Cabaleiro expón a partir do 4 de marzo na Fundación Laxeiro o seu proxecto "Coexistencias pacíficas", unha proposta que se vale de soportes fotográficos, debuxos dixitalizados e a proxección dun vídeo para falar da relación do individuo contemporáneo co mundo da información e dos medios de comunicación de masas.

xoves, 3 mar 2005
1109858684laxeiro.jpeg
Como gañador da primeira edición das Bolsas Fundación Laxeiro-Afinsa á creación artística, o artista santiagués Antón Cabaleiro expón na Fundación Laxeiro (Casa das Artes, rúa Policarpo Sanz, 14, 3º) o seu proxecto "Coexistencias pacíficas", que será inaugurado o venres 4 de marzo ás 20:00. Esta é unha proposta na que Antón Cabaleiro se vale de soportes fotográficos, debuxos dixitalizados e a proxección dun vídeo para falar da súa preocupación pola relación do individuo contemporáneo co mundo da información e dos medios de comunicación de masas.

O autor toma o título prestado da Guerra Fría, na que se denominou así o equilibrio entre os Estados Unidos e a Unión Soviética provocado polo medo a unha hecatombe nuclear. Esta idea sérvelle a Cabaleiro para establecer paralelismos coa relación entre o home contemporáneo e o mundo dos mass media, unha relación que el considera perversa porque a información é só un espellismo para consumar en realidade un estado de control da poboación e unha permanente alienación do individuo.

A exposición está estructurada en dúas series. A primeira, chamada "Tácticas del salchichón", é unha reflexión sobre a especialización no mundo laboral, especialización que nos leva a dedicar, segundo o autor, demasiado tempo ao desenvolvemento de tarefas excesivamente concretas. Para ilustrar esta idea, Cabaleiro utiliza unha serie de fotografías dixitalizadas nas que se relacionan diversos personaxes coa súa actividade laboral, enmarcándoos no medio do baleiro.

A segunda serie, denominada "Polaris", consiste en 10 debuxos dixitalizados nos que se poden ver varios personaxes espidos sobre un fondo branco, un "non lugar" no que se contorsionan para se adaptaren a unha serie de coordenadas arbitrarias que representan as "medidas perfectas" que lles foron impostas. Esta serie complétase cun vídeo no que se produce unha traslación destas imaxes a un soporte audiovisual. Nel, unhas figuras transfórmanse noutras por medio da periódica independización das liñas das súas funcións representativas e a súa traslación no espazo branco.

Aos seus 27 anos, Antón Cabaleiro estase a converter nun dos valores máis sólidos da arte emerxente española, cunha traxectoria que, malia á súa xuventude, está a ser recoñecida en Madrid, lugar onde traballa, e tamén en Galicia, como o demostran a obtención de varios premios e a súa participación en diversas exposicións.

A exposición "Coexistencias pacíficas" pode visitarse na Fundación Laxeiro a partir das 20:00 de mañá venres e permanecerá aberta ata o 15 de maio no horario habitual da Casa das Artes; isto é, de luns a venres, de 18:00 a 21:30; os sábados, de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 19:30; e os domingos e festivos, de 11:00 a 14:00.
1109858684laxeiro.jpeg
1109858702laxeiro2.jpeg
1109858714laxeiro3.jpeg
Descargar todas as imaxes