Escoitar

O II Salón da Mar e a Náutica abre as súas portas cun récord de participación de marcas e expositores

A alcaldesa Corina Porro asistiu á inauguración deste evento do que foi Madriña de Honor e que pon de novo a Vigo nos primeiros postos da náutica e os deportes de mar.

xoves, 3 mar 2005
1109859802logonautico.jpg
O II Salón da Mar e a Náutica abriu as súas portas: unha exposición sen precedentes na historia da náutica galega cun acto de inauguración no que a alcaldesa, Corina Porro, foi a Madriña de Honor. A alcaldesa destacou na súa intervención a constante diversificación da economía viguesa, nun principio orientada cara ao seu porto e á industria de automoción, e na que agora toma unha especial importancia o sector servicios, que emprega xa a máis do 68% da poboación ocupada. "O turismo de calidade –dixo a alcaldesa- e neste caso o turismo náutico non é un fenómeno pasaxeiro senón un factor económico permanente".

Así, Galicia converteuse na segunda comunidade en número de instalacións náuticas e quinta na clasificación de portos deportivos e atraques. "Ao continuado esforzo da Xunta súmase a iniciativa privada, porque esta industria en constante crecemento é boa para todos: para a cidade, xa que xera actividade económica e para os visitantes, que poden disfrutar da nosa cidade e o noso mar", explicou Corina Porro ao tempo que desexou moitos éxitos para esta edición do Salón Náutico.

Dende a súa presentación ao sector, no mes de decembro do pasado ano no Club Financeiro da cidade, Vigo Náutica Internacional suscitou un grande interese, non só entre a industria náutica, senón tamén entre os afeccionados e o público en xeral cun récord de participación en número de expositores e de marcas. Unha gran variedade de productos náuticos, miles de metros cadrados de exposición e una exposición a flote, na dársena de A Laxe, guiada por un pantalán instalado estes días. A Armada Española daralle un especial colorido a esta mostra no Porto de Vigo, con forte presencia dos seus navíos, que poderán ser visitados, e ao que acompaña o patrulleiro Atalaya para realizar bautismo de mar.

Electrónica, motores, decoración, cabuiería, empresas de servicio, asociacións e federacións náuticas, pantaláns, marinas deportivas, etc., conforman os máis de 100 expositores e as 600 marcas representadas.
Descargar todas as imaxes