Escoitar

O Concello e Feministas Independentes Galegas colaborarán na investigación da historia das mulleres

O Concello destinará 13.220 euros para financiar o III premio de investigación "Festa da Palabra" e para a coedición do número 20 da revista "Festa da Palabra-Investigación", de acordo co convenio asinado pola concelleira da Muller, Lucía Molares, coa asociación Feministas Independentes Galegas.

mércores, 2 mar 2005
1109772722femias.jpg
Lucía Molares, concelleira da Muller, e María Xosé Queizán, en representación de Feministas Independentes Galegas (FIGA), asinaron hoxe mércores no Concello un convenio de colaboración dotado con 13.220 euros para o III premio de investigación "Festa da Palabra" e para a coedición do número 20 da revista "Festa da Palabra-Investigación".

A finalidade deste convenio é promover iniciativas no campo da investigación que teñen por obxecto a recuperación e divulgación da achega feita polas mulleres na historia e a súa contribución á sociedade galega do século XX. Así, o gañador do premio de investigación "Festa da Palabra" recibirá 4.200 euros e verá publicado o seu traballo na revista "Festa da Palabra-Investigación", editada por FIGA. O prazo de incrición para optar a este premio vai do 14 de marzo ao 24 de setembro.

Por este mesmo convenio editaranse 1000 exemplares do número 20 da revista "Festa da Palabra-Investigación" para a distribución de 600 deles por parte do Concello e a venda de 300 a través dunha distribuidora que ingresará o importe ao Concello. FIGA comprométese a seleccionar, traducir e normalizar, revisar e maquetar a revista, incluíndo nela os logotipos do Concello de Vigo e da Concellería da Muller.

Por outra banda, FIGA presentará o xoves 3 de marzo a partir das 20:30 no pub Sete Mares (travesía Santiago de Vigo) o número 19 da revista "Festa da Palabra Silenciada", dedicado á cultura xitana. O acto, que será presidido pola concelleira da Muller, Lucía Molares, contará tamén coa participación de María Xosé Queizán, María José Jiménez Cortiñas e Mónica Bar Cendón, así como coa actuación do dúo xitano Adiquerando.

Ademais, no día de hoxe, xoves 3 de marzo, continúan as actividades co gallo do Día Internacional da Muller. Así, a partir das 17:00 no local da Asociación Veciñal de Lavadores, terá lugar a charla titulada "De que falamos cando dicimos igualdade?", a cargo de Beatriz Ojea. Rematada esta charla, de 18:30 a 19:15, ofrecerase un concerto de piano e café.

Outra charla, esta co título de "La mujer a través de la historia", será ofrecida por Rosana Araújo ás 18:00 no local da Unión Cívica Municipal de Consumidores y Amas de Hogar, sito no 25-1º A da rúa María Berdiales.
Descargar todas as imaxes